A princesa Leonor recibiu, de mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Medalla de Galicia, a máxima distinción que outorga o Executivo galego a personalidades, colectivos ou institucións por méritos ao servizo da comunidade autónoma. Faino como culminación ao seu ano de formación militar na Escola Naval de Marín, en Pontevedra.
A herdeira da Coroa asegurou tras recibir o recoñecemento que “non vou ter morriña, a Galicia quero volver sempre”. Pola súa parte, o presidente da Xunta asegurou que a entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor representa o cariño, adhesión e lealdade de Galicia á súa persoa e á coroa de España, e destacou que “contar coa súa presenza en Galicia é para nós e para a gran maioría dos galegos un privilexio e un acontecemento excepcional”.
A princesa Leonor, Filla Adoptiva de Marín
Tras recibir a Medalla de Galicia, a princesa Leonor foi nomeada Filla Adoptiva da localidade de Marín de mans da súa alcaldesa, María Ramallo, nun acto que tivo lugar no consistorio deste concello pontevedrés. No acto estiveron presentes os once concelleiros do Partido Popular, tres do PSOE dun total de 5 e ningún representante do BNG.












