O Grupo Municipal do PP de Padrón vén de presentar senllas mocións para o seu debate no pleno ordinario deste vindeiro xoves nas que insta ao goberno local a iniciar os expedientes de licitación dos postos do mercado dominical e tamén da praza de abastos coa finalidade de impulsar e potenciar o desenvolvemento económico do municipio. Na moción referente ao mercado dominical, os populares sinalan que é competencia do concello garantir o correcto funcionamento, a seguridade xurídica e a súa competitividade e lembran que xa nos últimos anos do mandato anterior víñase observando un incremento significativo da demanda de postos por parte de profesionais interesados en exercer a súa actividade comercial en Padrón, chegando a contabilizarse máis de 70 demandantes de espazo.
“Esta elevada demanda evidencia a necesidade dunha xestión máis eficaz, transparente e planificada para garantir a igualdade de oportunidades e unha ordenación racional do espazo público”, indica o voceiro popular, Ángel Rodríguez Conde, que recorda que o anterior equipo de goberno iniciara a comezos de 2023 un proceso administrativo para a regularización, actualización e ordenación dos postos existentes para adaptar o mercado á normativa vixente, mellorar a organización interna, reforzar a seguridade e garantir unha licitación clara e aberta a todo o sector. Rodríguez Conde subliña que, trala entrada do novo goberno socialista, “o alcalde non lle deu continuidade ao proceso de ordenación e regularización” e por iso presentan agora esta moción para que instalo a retomar ditos traballos e incoar o expediente de licitación dos postos do mercado dominical “garantindo a transparencia en todo o proceso e a igualdade na concorrencia competitiva dos comerciantes interesados”, establecemento un prazo máximo de seis meses para a adxudicación dos postos.
Ademais, o PP de Padrón demanda o compromiso do goberno local para elaborar un Plan Integral de Ordenación, Mellora e Difusión do Mercado Dominical que inclúa a actualización normativa, melloras nos criterios de distribución e ocupación dos postos, medidas de mobilidade, aspectos de sostibilidade, o reforzo da seguridade e propostas de modernización da contorna e dos servizos asociados.
PRAZA DE ABASTOS
En canto á moción relativa á praza de abastos, o PP padronés reclama a licitación dos postos dispoñibles e a regularización daqueles que teñan a concesión caducada, nun prazo máximo de seis meses. Ademais, o voceiro popular revela a súa “enorme preocupación” polo “silencio do goberno local e a falta de novas” respecto do proxecto de reforma e revitalización da praza de abastos e advertiu de que “podería perderse unha axuda de 320.000 euros da Xunta de Galicia”. “Avisamos no seu día de que o goberno local ía perder a achega da Xunta de Galicia para a rehabilitación da escola infantil e preocúpanos tamén que a reforma da praza de bastos vaia polo mesmo camiño”, salienta Ángel Rodríguez.




