O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña votou en contra do orzamento presentado polo Goberno provincial ao entender que se trata dun “suma e segue” dun proxecto encabezado por Valentín González Formoso que está “esgotado” e “sen criterio político” que permita sacar da “rutina” e a “falta de ambición” na que se atopa dende anos o executivo.
Na súa intervención, o voceiro dos populares, Evaristo Ben, apuntou o que documento é unha proba máis da visión “desenfocada, superficial e conformista” que ten do Goberno provincial. “O problema non é orzamento, o problema é que vostedes non saben xestionalo. Non revisan, non corrixen e non avalían se a inercia das súas políticas segue tendo sentido”, indicou.
Nesta mesma liña, o popular defendeu a posición contraria do seu grupo ás contas provinciais argumentando que o orzamento non permitirá “pechar brechas entre concellos, nin servirá para garantir servizos básicos nos municipios máis pequenos”.
UN ORZAMENTO DE 256,5 MILLÓNS DE EUROS PARA 2026
Tal e como apuntan dende a Deputación da Coruña, “este orzamento consolida o modelo municipalista iniciado en 2015 e reforzan o apoio directo aos 93 concellos da provincia, o benestar social, a seguridade viaria, o emprego e os servizos públicos”.
O Plan Único (POS+2026) sitúase como o eixo central das contas, cun investimento inicial de 88 millóns de euros para os 93 concellos da provincia. Sumado ao resto de liñas de apoio aos municipios, máis de 110 millóns destínanse directamente aos concellos.
A área de Vías e Obras, medra un 30% ata acadar 31 millóns de euros. Este incremento permitirá mellorar a seguridade viaria, manter a rede provincial e compensar o aumento dos custes dos materiais, ademais o deputado non descarou futuras ampliacións de crédito ao longo do exercicio para investimento na rede provincial de estradas.
No ámbito social, o orzamento elévase en 2026 a 35,5 millóns de euros, consolidándose como a segunda gran prioridade. Fináncianse case 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar, refórzanse programas de envellecemento activo e apóiase a contratación de 178 profesionais sociais nos concellos.
O Plan de Emprego Local (PEL) acada en 2026 os 16,3 millóns de euros. As contas inclúen tamén incrementos en cultura e lingua, deporte e mocidade, incluíndo un novo programa de estancias no estranxeiro para alumnado de Bacharelato. En materia de emerxencias destínanse máis de 10 millóns de euros aos GES, protección civil e prevención, e durante 2026 incorporaranse 80 novos bombeiros aos parques comarcais.



