PUBLICIDADE

O PPdeG denuncia que Santiago de Compostela está “ao límite na xestión da seguridade da cidade”

A secretaria xeral Paula Prado e o presidente local do PP local, Borja Verea, visitaron o parque de bombeiros da cidade.

O Partido Popular de Galicia denuncia que Santiago de Compostela está “ao límite” e que a súa cidadanía “non merece estar en mans dun goberno do BNG desbordado e que non é quen de xestionar unha cidade que é a capital de Galicia e un reflexo para todo o mundo”.

Así o manifestaron esta mañá a secretaria xeral Paula Prado e o presidente local do partido, Borja Verea, na visita que realizaron xunto ao concelleiro José Ramón de la Fuente ao parque de bombeiros da cidade, que, tal e como denunciaron, vén de “estar inoperativo durante varias xornadas e por primeira vez na historia por culpa do goberno do BNG”.

“Neste caso non vimos pancartas do BNG nin do seu sindicato (CIG) para denunciar a falta de cobro das horas extraordinarias dos bombeiros e da Policía Local. Tampouco vimos que activasen a caixa de resistencia para defender os dereitos laborais destes traballadores ante a súa irresponsable e neglixente xestión”, criticou a número dous dos populares galegos.

PUBLICIDADE

Prado considera que “a capital de Galicia non merece estar en mans de quen xoga coa súa seguridade e coas súas vidas como está facendo” e defende que o Partido Popular sempre estará a carón das demandas duns Forzas e Corpos de Seguridade que “teñen dereito a cobrar as súas horas de traballo e teñen dereito ás súas horas de descanso”.

“En cambio o BNG, coa complicidade do seu sindicato, é máis de asinar decretazos en contra dos dereitos dos seus funcionarios municipais”, contrapuxo ao tempo que se preguntaba “que sería dos santiagueses sen a Policía Nacional e a Garda Civil que velaron pola súa seguridade ante a ausencia de patrullas da Policía Local”.

Neste sentido lembrou que “o BNG que goberna Santiago é o mesmo BNG que, tal e como manifestou no seu programa electoral, quería e segue querendo expulsar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado de Galicia”.

A secretaria xeral do PPdeG fixo extensivo este “caos” a outras cuestións como a falta de iniciativa cultural na cidade, as queixas dos hostaleiros, a suciedade das rúas ou a rede de autobuses municipal. Na xestión de todas estas problemáticas constátase, segundo apuntou, que “Santiago quédalle grande a Goretti Sanmartín” e que “un goberno con 6 concelleiros de 25 non ten capacidade de xestionar”.

“Os santiagueses non poden estar un minuto máis abandonados á súa sorte, sen que un goberno sólido e con capacidade de resposta como o que, estou segura, encabezará Borja Verea en 2027, garanta a súa seguridade e integridade ante calquera suceso ou emerxencia”, concluíu.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.