PUBLICIDADE

Xociviga, Festival Internacional de Curtametraxes do Carballiño proxectará 32 traballos de 22 países

Presentación da programación de Xociviga, Festival Internacional de Curtametraxes que se desenvolverá no Carballiño do 19 ao 23 de novembroPresentación da programación de Xociviga, Festival Internacional de Curtametraxes que se desenvolverá no Carballiño do 19 ao 23 de novembro

Xociviga desenvolverase desde o 19 ao 23 de novembro no Auditorio Manuel María do Carballiño e baixará o pano desta nova edición coa gala de entrega de premios ás mellores curtas

Xociviga, Festival Internacional de Curtametraxes proxectará un total de 32 traballos de 22 nacionalidades entre o 19 e o 23 de novembro no Auditorio Manuel María do Carballiño. A programación, presentada esta semana no salón de plenos do Concello, inclúe a estrea de 18 curtas internacionais e 4 en España, ademais da estrea mundial de As maos da pulpeira de Silvia Cachafeiro, que inaugurará o festival o día 19.

Diego Fernández, concelleiro de Cultura, puxo en valor a selección de filmes desta segunda edición do novo formato do festival, impulsado polos irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy. “O ano pasado foi unha experiencia moi positiva, polo que desde o Concello tratamos que este ano se consolide o novo formato e a veciñanza se achegue a coñecer e desfrutar das curtas seleccionadas”, apuntou o edil, quen
agradeceu o esforzo e traballo dos dous directores artísticos.

A programación do festival arranca o propio día 19 cunha proxección matutina, previa á inauguración. Trátase do filme Fallen Angels (1995) de Wong Kar-Wai. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, terá lugar a inauguración coa estrea mundial da curta As maos da pulpeira de Silvia Cachafeiro, rodada no Carballiño e protagonizada por veciñas pulpeiras. A partires do xoves 20 ata o sábado 22 de novembro, terá lugar a proxección dos filmes a competición, divididas durante os tres días en tres bloques de aproximadamente unha hora de duración: ás 17.30, ás 19.00 e ás 20.30 horas.

PUBLICIDADE

Os visionados, de balde, levaranse a cabo no Auditorio Manuel María. O festival conta cunha variada selección de curtametraxes internacionais e nacionais, na que se inclúen pezas proxectadas en certames de renome como o Festival de Cannes, o de Berlín ou o de Toronto. Entre elas, destaca The man who
could not remain silent
, de Nebojša Slijepčević, curta gañadora do Festival de Cannes de 2024.

Tal e como recordaron os directores artísticos, varias das proxeccións contarán cun posterior coloquio dos equipos técnicos e artísticos dos filmes co público. Toda esta informacion, ademais das curtas que participan nas diferentes seccións, horarios, actividade pódense consultar na páxina web do festival.

O domingo 23 de novembro, último día, a programación comezará ás 11.30 horas co visionado do filme de animación Balto de Simon Welles, recomendado para todas as idades e especialmente, para público infantil. Xa pola tarde, pecharase o certame coa proxección ás 17.30 horas das curtas favoritas do público e, ás 19.00 horas, coa gala de entrega de premios.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.