O filme La Casa de la Troya, que foi realizado polo mesmo autor do libro, celebra este ano o centenario da súa estrea en Madrid, unha película que foi unha das primeiras superproducións de cinema mudo de España e que poderá verse o vindeiro luns, 17 de novembro, no Teatro Principal
La Casa de la Troya, filme de Alejandro Pérez Lugín, celebra este ano o seu centenario como primeira adaptación cinematográfica da novela co mesmo título e autor. Co gallo desta efeméride o filme vaise proxectar no marco do festival compostelano de cinema Cineuropa”, na súa 39 edición. Será este luns, 17 de novembro, ás 21:00 horas no Teatro Principal, un dos espazos que retrata o filme. A entrada é de balde, previa retirada de convite na taquilla do teatro, no Salón Teatro ou na Zona C.
En 1924 filmábase en Galicia unha das primeiras superproducións do cinema mudo en España: La casa de la Troya. Estreada en 1925 no Teatro da Zarzuela, en Madrid, e seguidamente no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo un éxito inmediato. Percorreu diferentes salas da península e mesmo chegou ao outro lado do Atlántico, proxectándose no mítico Carnegie Hall de Nova York, deixando unha pegada duradeira no cinema galego.
A historia, ambientada en Compostela, levou a cámara a distintos puntos da cidade e de Galicia, ofrecendo unha visión da sociedade galega de comezos do século XX. A película amosa paisaxes, arquitectura e formas de vida dun tempo en transformación, e foi recibida con entusiasmo polo público da época.
Cunha duración de 2 horas e 10 minutos, a proxección do filme irá acompañada coa interpretación en directo dunha banda sonora composta especialmente para celebrar este centenario. O seu autor é o compositor e pianista vigués Brais González, que estará acompañado da frautista Laura Lorenzo e da contrabaixista Raquel Miguélez.
A interpretación musical inclúe a participación en varios momentos da agrupación Troyanos de Compostela, que tocará a versión instrumental de cancións vencelladas ao ambiente estudantil da época. A agrupación nace en 2013 como un proxecto vinculado ao Museo Casa de la Troya, que recrea a antiga pensión estudantil inmortalizada por Lugín na súa novela homónima.
O obxectivo de Troyanos de Compostela é investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela) e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos dese período.



