Borja Verea, líder do Partido Popular de Santiago, asegurou, en rolda de prensa, que, “fronte a inacción e o abandono do goberno do BNG e CA aos autónomos e pequenos comercios da cidade, nós propoñemos un Plan de choque urxente de apoio a comercios e autónomos santiagueses, con medidas concretas”.
“Hoxe en Santiago manter e abrir un comercio é un acto de resistencia, porque teñen todos os factores en contra, posto que o goberno de BNG e CA demostran, cada día, que son incapaces de por en marcha apoios ao pequeno comercio, nós preguntámonos: que medidas tomaron nestes dous anos e medio?, alguén podería dicir algunha? Non existen, a realidade é que estamos ante un escenario de grave crise comercial, con 100 negocios perdidos no último ano”, agregou.
O tamén parlamentario engadiu que “os problemas e as ameazas están aí e son coñecidas, pero o goberno de BNG e CA nada fixo para incentivar o relevo xeracional, co problema de alugueiro dos baixos, nada fixeron; cos custes salariais, nada fixeron; co exceso de burocracia, nada fixeron; e ante o cambio do uso dos consumidores, nada fixeron”.
Neste encontro cos xornalistas, no que estivo acompañado pola concelleira popular, Olaya Otero, e o presidente de Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos España (UPTA), Eduardo Abad, Verea insistiu en que “a reunión é para propoñer medidas, é dicir, explicar o que faría o noso goberno para revitalizar o pequeno comercio da cidade e que faríamos para frear a grave crise de comercio que ten hoxe Santiago”.




