PUBLICIDADE

O Son do Camiño contará cun amplo dispositivo integrado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Policía Local e servizos de emerxencia

Julio Abalde destacou a coordinación institucional e o reforzo dos dispositivos de seguridade para garantir o éxito do festival O Son do Camiño 2026

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu hoxe, xunto coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, a Xunta Local de Seguridade convocada para coordinar o dispositivo de seguridade previsto con motivo da celebración do festival O Son do Camiño 2026, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de xuño na capital galega.

Durante a reunión analizáronse as medidas de coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Policía Local, a Policía Nacional Adscrita, a Garda Civil e o Concello de Santiago, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento dun dos eventos musicais máis multitudinarios de Galicia.

O dispositivo previsto, avalado pola experiencia das edicións anteriores, contará cun importante reforzo de efectivos e medios especializados. A Policía Nacional mobilizará unidades como a Unidade de Intervención Policial (UIP), a Unidade de Prevención e Reacción (UPR), TEDAX, Información, Policía Xudicial e a Brigada Móbil. Ademais, despregaranse medios aéreos, incluídos drons e sistemas antidrón, así como a Unidade de Guías Caninos. En total, a Policía Nacional mobilizará 200 efectivos cada día do Son o Camiño.

PUBLICIDADE

Julio Abalde agradeceu o esforzo e a profesionalidade dos efectivos que participarán no operativo e puxo en valor a coordinación entre todas as administracións implicadas. Neste sentido, destacou que “o traballo conxunto entre administracións e corpos de seguridade é fundamental para que eventos desta magnitude se desenvolvan con total normalidade e seguridade”.

Descenso da criminalidade

A Xunta Local de Seguridade serviu tamén para analizar a evolución da seguridade cidadá no municipio. Os datos oficiais facilitados pola Policía Nacional reflicten unha evolución positiva dos principais indicadores de criminalidade durante o primeiro cuadrimestre de 2026 en comparación co do ano 2025.

Entre os datos máis destacados figura o descenso do 23% nos delitos contra as persoas, a redución do 11% nos delitos contra a liberdade sexual e a caída do 90% nos roubos con forza en establecementos. Tamén baixan os delitos contra o patrimonio nun 14%, os delitos graves e menos graves nun 23% e os delitos leves nun 13%. En conxunto, as infraccións penais rexistradas no municipio reducíronse un 15%, unha evolución que o subdelegado valorou positivamente e que atribuíu ao traballo coordinado das distintas forzas policiais e á colaboración cidadá. Neste sentido, o subdelegado anunciou a incorporación de máis efectivos na Comisaría de Policía Nacional de Santiago, derivada do último concurso de traslados e dun reforzo policial, con máis de 40 efectivos en total. Desde o ano 2018, o incremento de efectivos na Comisaría de Santiago foi do 22%.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.