O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Oroso, Álex Doval, asinaron un convenio para a creación dun aparcadoiro disuasorio na alameda de Góis, na marxe da estrada N-550. O orzamento da infraestrutura ascende a case 54.000 euros financiados pola Xunta.
Ao abeiro do acordo, formalizado nun acto que contou coa asistencia da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, habilitarase unha superficie superior aos 3.000 metros cadrados. Unha vez acondicionado, o espazo sumará máis de 80 prazas de estacionamento, das que se reservan dúas para persoas con mobilidade reducida e 14 para motos.
Segundo explicou o conselleiro, as obras comezarán en outubro coa previsión de que rematen antes de finalizar o ano. Consisten na execución dun novo firme e na urbanización dunha área que xa está a ser utilizada como estacionamento de xeito ocasional.
O obxectivo é proporcionarlle á veciñanza un punto de encontro onde deixar os seus vehículos de xeito seguro para compartir coche con outros condutores cara ao mesmo destino. Para a creación do novo aparcadoiro disuasorio colocaranse bordes, pintaranse marcas no chan e instalarase sinalización vertical.
Pola súa banda, a través do convenio, o concello de Oroso cédelle os terreos á Xunta para dispoñer desta dotación e, unha vez rematadas as obras, asumirá a titularidade comprometéndose ao seu mantemento, conservación e explotación.