O Concello de Oroso vén de iniciar as obras de mellora do Centro Cultural Fernando de Casas Novoa, cun investimento de preto de 40.000 euros ao abeiro dunha axuda da Xunta de Galicia destinada á mellora das infraestruturas culturais.
A intervención centrarase na mellora dos accesos ao edificio e na renovación da pintura interior do auditorio, co obxectivo de modernizar as instalacións e mellorar as condicións dun dos principais equipamentos culturais e sociais do municipio.
Con motivo do inicio dos traballos, a delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, realizou unha visita ás instalacións acompañada polo alcalde de Oroso, Alex Doval, durante a que puideron coñecer os detalles da actuación e as melloras previstas.
O alcalde, Alex Doval, destacou a importancia de continuar investindo no mantemento dos equipamentos públicos. “O Centro Cultural Fernando de Casas Novoa é un espazo fundamental para a vida cultural de Oroso, polo que é importante mantelo nas mellores condicións posibles. Con esta actuación damos resposta a necesidades de mellora das instalacións”, sinalou.
Doval agradeceu tamén a colaboración da Xunta de Galicia, destacando que “a cooperación entre administracións permítenos seguir acometendo melloras nos equipamentos municipais, neste caso nun centro que acolle boa parte da programación cultural e social de Oroso ao longo do ano”.
As obras permitirán mellorar as condicións de uso e conservación do Centro Cultural Fernando de Casas Novoa, reforzando o papel deste equipamento como espazo de referencia para as actividades culturais, as representacións teatrais e os encontros sociais no municipio.



