O Partido Popular presentará como candidato á alcaldía de Coles a Fernando Sotelo González. O popular aceptou esta designación como “un paso decisivo no seu compromiso para impulsar o concello”. O empresario local conta cunha consolidada traxectoria vinculada ao sector da automoción. Así pois, Luís Menor, presidente provincial do partido, salientou “a súa forma clara de ver as cousas e de baixar a pé de rúa”.
O candidato dá o salto á política activa nun ambiente que cualifica como de “ilusión e renovación ao redor dun novo proxecto do PP en Coles, recuperando o sentimento de pertenza ao partido”. Deste xeito, fixo fincapé nas novas afiliacions e a implicación de xente moza.
Entre os seus obxectivos clave Fernando Sotelo cita como punto de partida “mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Ademais, sendo Coles municipio limítrofe coa capital, aposta firmemente por potenciar a vivenda. “Temos que atraer á xente, darlles facilidades para que se decidan a residir aquí”. Esta fixación de poboación, asegura, “traerá un conxunto de servizos que mellorará a calidade de vida no concello”.
Para alcanzar a alcaldía e desenvolver o seu programa, Sotelo quere contar cun equipo que mesture experiencia e renovación. “Persoas con novas ideas, pero tamén que leven a súa traxectoria no partido”, indica. O seu obxectivo é conxugar a quen achega outras visións con quen leva tempo vinculado ao PP de Coles.
Pola súa banda, Luís Menor asegurou que “Fernando desprende ilusión e ganas de facer un Coles mellor”. “Coles necesita un impulso con xente nova e novas ideas que sitúen a este municipio onde realmente merece estar”, subliñou o presidente prvincial. Así, define Coles como “concello popular”, xa que o PP obtivo máis do 46 % de apoio nas eleccións autonómicas de 2024. Agora, asegura, confía na capacidade deste proxecto “para liderar un cambio en positivo”.



