O Concello de Ortigueira solicitou á Xunta a implantación de novos servizos e a mellora dos recursos sanitarios do municipio. Neste sentido, o alcalde ortigueirés, Valentín Calvín, e a concelleira de Sanidade, Ana Cartelle, reuníronse co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
No encontro solicitouse a implantación do servicio de Hospitalización a Domicilio (HADO) en Ortigueira. Este modelo asistencial permite que determinados pacientes reciban no seu propio fogar unha atención sanitaria equivalente á hospitalaria, evitando ingresos innecesarios e favorecendo unha recuperación máis cómoda e personalizada. O servizo contaría cun equipo específico integrado por un médico e dúas enfermeiras. Encargaríanse do seguimento clínico, os tratamentos e a coordinación co resto do sistema sanitario, reforzando así a atención continuada no ámbito domiciliario.
Outro dos asuntos tratados foi a mellora da operatividade do heliporto municipal. Na actualidade, o heliporto permite a chegada e saída de helicópteros de emerxencias durante o día. Agora, o obxectivo presentado é ampliar este servizo para que poida funcionar as 24 horas. Neste sentido, prevese a sinatura dun convenio con Portos de Galicia que permita sinalizar axeitadamente a instalación mediante balizas. Así, posibilitaríanse as aterraxes nocturnas e aumentaríase a capacidade de resposta ante emerxencias sanitarias en calquera franxa horaria.
Asemade, durante a reunión trasladouse a necesidade de dotar ao municipio dunha ambulancia medicalizada. Segundo o Goberno local, trátase dun recurso fundamental para garantir unha atención rápida e especializada en situacións de urxencia, especialmente nun territorio cunha poboación dispersa, como Ortigueira.
Desde o Concello de Ortigueira subliñan a importancia destes avances, que supoñen un paso significativo na mellora da atención sanitaria e no reforzo da seguridade e o benestar da poboación. Así mesmo, destacan a vontade de continuar traballando de xeito coordinado coa Xunta de Galicia para seguir ampliando e mellorando os servizos públicos.




