O servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Ferrol realizou un total de 855 intervencións ao longo do ano 2024. Así o recolle o informe realizado coas estatísticas de actuacións entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do pasado ano.
As actuacións máis numerosas foron as asistencias técnicas, cun total de 448. A continuación salientan 143 intervencións a causa de incendios. Os salvamentos ou rescates ascenderon a 110, mentres que as incidencias relacionadas con auga ou inundacións chegaron ás 60. En virtude deste informe, os bombeiros actuaron en 29 accidentes de tráfico e atenderon 22 solicitudes relacionadas con problemas con gas ou tecnolóxicos. O resto de intervencións foron cinco asistencias sanitarias, seis actividades internas e 30 preventivas.
No tocante á tipoloxía secundaria, o maior número de intervencións encádrase en asistencias técnicas como saneamento de fachadas, traballos en árbores, limpezas de vía ou retiradas de niños de avespa asiática; así como en salvamento ou rescate en contorna urbana.