As axudas a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas no marco do Plan específico de acción comunitaria da Xunta supuxeron este ano un investimento de 3 millóns de euros para 341 entidades beneficiarias de Galicia.
Do total das axudas concedidas este ano, 220 entidades obtiveron apoio para a liña de obras con máis de 2,4 millóns e as 121 restantes unha achega de máis de 503.500 euros na liña de equipamento.
No referente ás entidades beneficiarias deste ano por provincias, 162 foron na de Pontevedra e percibiron 1,6 millóns de euros; outras 100 da provincia ourensá cun importe de case 800.000 euros nos proxectos financiados; 46 resultaron beneficiarias na provincia da Coruña cun montante de 342.200 euros; mentres que na de Lugo houbo 33 colectivos beneficiarios que obtiveron case 270.000 euros.

O éxito, a participación, a execución e a satisfacción ante a resposta das entidades desde a posta en marcha da medida en 2016 permitiu atender a máis de 1.900 solicitudes cun importante investimento de 22 millóns de euros.
AXUDAS CON DÚAS LIÑAS: REFORMAS E EQUIPAMENTO PARA OS CENTROS SOCIAIS
Estas axudas contan con dúas liñas, unha delas cunha achega máxima de 12.000 euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, parámetros interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, saneamento ou electricidade.
Ademais, nas infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas actúase en obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga e noutros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída de augas.

A outra liña vai destinada cun máximo de 5.000 euros á dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades e a organización de actividades específicas, o que inclúe a adquisición de mobiliario, equipamento informático, audiovisual ou sistemas de climatización.