PUBLICIDADE

Os populares condenan a concentración ante a casa de Ánxeles Vázquez

Pancarta que portaban os membros da plataforma Altri Non nas inmediacións da casa da conselleira Ángeles Vázquez

Un grupo de persoas irrumpiron este domingo nas inmediacións da vivenda persoal da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, na localidade de Melide.
Entre as pancartas había unha ameaza explícita: “Ánxeles, veciña, ti tamén tes familia. Non descansaremos”, xunto co logotipo de “Altri Non”.
Tal e como explican os populares, a persoa que a portaba, X.R.L., é coñecida pola súa estreita vinculación co BNG. “Trátase dun capítulo máis da campaña de intimidación e a coacción do nacionalismo e a súa órbita, da que xa foron vítimas os empregados públicos e que agora chega tamén á conselleira”, apuntan. Membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado xa se puxeron en contacto con Ánxeles Vázquez para ofrecerlle o seu apoio.
Engaden os populares que “este tipo de comportamentos, que afectan directamente a menores de idade e persoas maiores que conviven coa conselleira, non teñen cabida en democracia. Esiximos do BNG unha condena firme e que solicite aos seus militantes que se absteñan de acosar aos membros do Goberno galego e da Administración autonómica. Pese á coacción, ás ameazas cada vez máis explícitas e aos intentos de intimidación, a Xunta seguirá cumprindo a Lei”.

“SEGUIREMOS DEFENDENDO A LEGALIDADE EN TODO TIPO DE ACTUACIÓNS” DI CALVO

Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, lanzou en rolda de prensa unha mensaxe de “solidariedade” a súa compañeira de goberno Ángeles Vázquez. Dixo que “ xa non se trata de amedrentar aos funcionarios como vimos nos últimos meses, senon que agora, trátatase de coaccionar e amedrentar aos membros do Consello da Xunta” engadiu que “ seguiremos defendendo a legalidade en todo tipo de actuacións, sobre todo nos expedientes que quedan pendentes”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.