O delegado desprazouse ata o Concello de Padrón onde analizou co alcalde o impacto desta mellora da mobilidade urbana na que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible investirá 3 millóns de euros, cumprindo “unha demanda do Goberno Local e da propia veciñanza”.
Pedro Blanco subliñou que esta actuación creará un espazo seguro e accesible, con espazo para os peóns, carril bici, zonas verdes e mobiliario urbano, que se estenderá ao longo de case un quilómetro entre o centro urbano e o límite coa provincia de Pontevedra: “un proxecto en liña con outros que estamos a desenvolver noutras localidades de Galicia e que mellorará indubidabelmente e a seguridade viaria dos veciños e veciñas desta localidade e das persoas que, cada vez máis, se desprazan en medios alternativos como a bicicleta”.
Nunha reunión celebrada na Casa do Concello, Pedro Blanco e Anxo Rei puideron ver os avances neste proxecto, que se atopa actualmente en redacción, para poder comezar o antes posible a tramitación administrativa.
MELLORAS NA N550 AO SEU PASO POR PADRÓN
Neste encontro, o delegado confirmou ao alcalde que o Ministerio de Transportes desenvolverá nas vindeiras semanas os traballos de asfaltado da estrada nacional 550 ao paso por Padrón. Unha actuación que forma parte do Plan Extraordinario de Mellora de Estradas en Galicia que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Urbana está a executar para reparar os danos provocados polos temporais nas estradas da competencia do Estado en Galicia. Pedro Blanco sinalou que “en próximas datas veremos a maquinaria reparando o firme da nacional ao paso por este Concello”.
En paralelo, a Demarcación de Estradas executará outras melloras na estrada dentro do contrato ordinario de reparación de estradas. Entre ambos contratos de reparación, o delegado sinalou que o Goberno investirá en Padrón medio millón de euros.
OUTROS INVESTIMENTOS
Na reunión celebrada hoxe, o delegado e o alcalde repasaron outros investimentos que o Goberno executa ou financia nesta localidade, como a mellora da iluminación viaria en parroquias como Carcacía, a nova estación de tratamento de auga potable, e o cumprimento dos compromisos adquiridos polo Ministerio de Cultura coa Fundación Rosalía.




