A Concellería de Política Social de Ferrol organizou as II xornadas de voluntariado “Traballando en rede, compartindo diferentes experiencias”. Así pois, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou no acto de apertura. Alí reflexionou sobre “a importancia do voluntariado na nosa cidade” e recoñeceu “o labor de tantas entidades”.
Na súa intervención, Aneiros destacou o espírito colaborativo dos galegos e galegas e puxo en valor a acción voluntaria como “unha ferramenta indispensable para construír unha comunidade máis xusta e solidaria”.
A delegada autonómica salientou os programas promovidos neste eido desde o Goberno galego, concretamente desde a Dirección Xeral de Xuventude. Nesta liña, destacou especialmente a última iniciativa Queres falar?, un programa de voluntariado lingüístico destinado a promover o uso do galego entre a mocidade a través de conversas entre galegofalantes habituais e persoas que queiran mellorar as súas competencias no idioma ou incorporalo de novo á súa fala.
CLAUSURA DAS XORNADAS DE VOLUNTARIADO
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, clausurou as II xornadas de voluntariado “Traballando en Rede”. “Esta é unha ocasión especial que nos permite reflexionar sobre o gran impacto que as entidades sociais e os voluntarios teñen na nosa comunidade”, sinalou o rexedor.
Rey Varela agradeceu ás entidades e aos voluntarios “o traballo desinteresado e comprometido que chega a moitas persoa, vós estades desde o minuto un, cando entran polas vosas portas, e iso non ten prezo”.
O rexedor ferrolán citou a algunhas entidades que traballan a prol dos demais, como Cruz Vermella, Manos Unidas Mondoñedo-Ferrol, Cáritas Mondoñedo-Ferrol, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Aprende a voar de Ferrol e Asociación Española Familia Ataxia-Telangiectasia ou o Patronato Concepción.
Estas xornadas, con motivo do Día Mundial do Voluntariado que se conmemorou o pasado día 5 de decembro, son tamén unha homenaxe a todas as persoas que, de maneira altruísta, forman parte das diferentes entidades. Entre elas, a Escola Municipal de Voluntarios, que conta con preto de 70 voluntarios que realizan tarefas de acompañamento a persoas maiores, reforzo educativo ou simplemente unha chamada para saber que están ben. “O que vós facedes é dar aos demais o máis valioso que unha persoa pode ter: o seu tempo”.
Finalmente, Rey Varela animou ás entidades e voluntarios a seguir nesta liña e reafirmou o compromiso de colaboración do Concello de Ferrol.