O Concello de Cedeira acaba de adxudicar por 272.109,75 euros as obras de mellora e acondicionamento de 15 camiños. As actuacións nestas vías de titularidade municipal suman 6,7 quilómetros de percorrido polas diferentes parroquias. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses e financiarase con cargo ao POS+2024.
Trátase de 15 camiños de ancho variable, desde os tres ata os 4,5 metros. En canto á lonxitude, o máis curto ten 45 metros de percorrido e o máis longo, case 1,7 quilómetros. Todos presentan un importante deterioro, nalgúns casos acentuado polo paso de vehículos pesados forestais. O proxecto contempla a limpeza das vías, a retirada da vexetación, o recheo de fochancas, a adecuación do sistema de drenaxe e a posta dunha nova capa de rodaxe.
Os camiños aos que afectarán as obras son o de Calvario-Ribeira, que é o máis longo; Arrasa, Condomiñas, Bereixo-Piñeiro, Guilliade-Casaldegonce, Sisalde Maior, San Miguez de Sisalde, lugar Campo Cruz, As Bieiteiras, As Filgueiras-O Rego, lugar Torno, Purrey-Sedeás e Liñares-Portovello.