O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron a subvención nominativa dirixida ao financiamento da mellora do equipamento da Fusquenlla. A axuda económica provincial ascende neste caso a 80.000 euros.
Así pois, o Concello de San Sadurniño encargouse de xestionar a licitación do contrato en representación dos outros seis concellos integrantes do proxecto; Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes e Valdoviño. Ademais, solicitou a través do GDR Seitura 22 os fondos europeos do programa Leader.
O investimento final alcanzou os 165.717,47 euros, cos que se mellorou considerablemente a parte dedicada a transformación e conservación agroalimentaria. Entre outro material mercouse un autoclave, unha envasadora, un muíño para a froita, un cocedor de cremas, unha lavadora-centrifugadora de verduras, unha máquina de baleiro e andeis en inox. Tamén se incorporou toda a maquinaria que faltaba para facer posible a entrada en funcionamento da liña de extracción e envasado do mel.
A maior parte do investimento na Fusquenlla provén de fondos provinciais. Ademais, o centro forma parte da Rede de Espazos Coworking PEL deste organismo, co obxectivo de dinamizar a economía e o emprego local.