A Deputación de Ourense impulsa a ampliación e a mellora da seguridade do acceso ao balneario histórico de Cortegada, un dos recintos termais de referencia da provincia. Así, destínanse 75.600 euros á construción un muro de contención no camiño que dá entrada ao balneario.
O contrato está financiado polo Plan de Sostibilidade Turística “Ourense Colle Velocidade, vilas históricas e termais”. Enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU), en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia. As empresas poden presentar as súas ofertas para participar na licitación ata o próximo 29 de xaneiro.
A construción do muro permitirá eliminar os posibles riscos de pequenos desprendementos que se producen na actualidade no camiño de acceso ao balneario de Cortegada. Tamén se realizará a reposición do pavimento afectado nun perímetro de actuación de 162 metros cadrados.
Con estas melloras, a Deputación de Ourense fomenta unha mobilidade sostible a pé por sendeiros que conectan os cascos antigos das poboacións e as termas. Como consecuencia, reducirase a emisión de gases procedentes dos vehículos de combustión.
DESEÑO DUNHA RUTA DE SENDEIROS
Con esta actuación, tamén se dá continuidade a unha liña de traballo iniciada no plan de sostibilidade turística Ourense Termal, que contempla o deseño dunha ruta de sendeiros que vincule o recurso das augas termais e mineiro medicinais con outros recursos naturais ou patrimoniais. Así, contribúese a xerar espazos de mobilidade a pé e novos atractivos para que os potenciais visitantes aposten polo uso de transportes sostibles, en fomento dun estilo de vida máis saudable.
As actuacións tamén permitirán poñer en valor a paisaxe, a protección da natureza, a conexión de recursos culturais e a seguridade.