O Concello de San Sadurniño promove un ano máis o calendario de asambleas veciñais en todas as parroquias. Así, a administración local anima á cidadanía a participar para coñecer todas as demandas e necesidades. O obxectivo é valorar as achegas veciñais e podelas incorporar no posible ao orzamento municipal. Para iso, as propostas deben ser competencia municipal e factibles con recursos locais ou o financiamento doutras administracións.
Todas as reunións celebraranse ás 19:30h, entre o 3 e o 19 de decembro, en Santa María do Monte, Bardaos, Naraío, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, San Sadurniño e Camiño Arriba.
DEMANDAS VECIÑAIS MEDITADAS
Desde a Concellaría de Participación veciñal pregan puntualidade e levar meditadas as iniciativas que se queiran presentar na asemblea. Neste sentido, fan fincapé en que sexan necesarias, que beneficien ao maior número posible de persoas e que sexan asumibles cos recursos municipais.
Así mesmo, lembra que se poden presentar iniciativas relacionadas con obras e infraestruturas e tamén outro tipo de actuacións, como culturais, deportivas ou dirixidas ás persoas maiores.
A maiores, nestes encontros tamén se analizará a situación xeral do territorio e o funcionamento da administración local, abordando temas como o tratamento do lixo, a xestión forestal e outros de interese xeral.