A xunta e Goberno local do Concello de Ferrol deu o visto bo ao plan director para Abrir Ferrol ao Mar, tras ser revisado polo departamento de Urbanismo. O alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, explicou que se trata dun documento fundamental que establece o marco de referencia para o desenvolvemento das intervencións específicas nas diferentes zonas de actuación, “dotándoas de unidade e coherencia e garantindo a súa plena integración nas actuacións”.
O principal obxectivo é a rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona perimetral de contacto da cidade co mar. Para logralo, procederase á reordenación da circulación rodada e a mellora da seguridade viaria. Así, potenciarase a mobilidade sostible, mediante a prolongación do carril bici e itinerarios peonís e a súa conexión co centro urbano e puntos de interese. Ademais, suprimiranse as barreiras físicas e crearanse itinerarios e espazos peonís accesibles. Así mesmo, reordenaranse as prazas de estacionamento e promoveranse aparcamentos disuasorios. Con todo, manterase a integración estética e paisaxística das zonas de contacto entre o mar e a trama urbana.
As accións de análise e o desenvolvemento do plan director centraranse en tres ámbitos principais: as actuacións nas zonas de contacto dos espazos públicos da cidade dos barrios de Ferrol Vello e A Magdalena coas instalacións do Arsenal Militar de Ferrol, nos espazos públicos da cidade no barrio de Esteiro coas instalacións do Arsenal e estaleiros de Navantia e as actuacións no contacto dos espazos públicos da enseada de Caranza co barrio de Caranza e Telleiras.
O período establecido para o desenvolvemento do plan director de Abrir Ferrol ao mar é o 2024-2027.
LIÑAS DE ACTUACIÓN DO PLAN DIRECTOR
Segundo revelou o rexedor, o plan contempla dúas liñas estratéxicas: a cidade aberta ao mar e a cidade conectada co mar. “Queremos que todos poidamos desfrutar do mar en toda esta zona, aproveitar este marco excepcional e crear novas zonas para o ocio e deporte”.
A primeira das liñas estratéxicas inclúe a apertura da contorna do Arsenal, Ferrol Vello e A Magdalena; a apertura do entorno do Arsenal e estaleiros de Navantia e a da contorna de Caranza e Telleiras. Tamén abrangue a reordenación das zonas de aparcamento, a potenciación de usos das zonas deportivas, recreativas e puntos de interese. Deste xeito, xerarase un gran espazo público de relación da cidade co mar conectado, accesible, integrado. Todo isto mantendo unha rexeneración paisaxística e patrimonial.
En canto á segunda liña, cidade conectada co mar, resolverá a conectividade coa trama urbana existente cara ao porto de Curuxeiras. Así mesmo, acondicionará os accesos transversais cara os barrios de Ferrol Vello e A Magdalena e os equipamentos existentes, como a alameda, aparcadoiro, mercado, concatedral de San Xiao ou o teatro Jofre, facéndoos accesibles para peóns e bicicletas.
A fase 2 de Abrir Ferrol ao mar é o proxecto básico e de execución que deberá estar listo en catro meses. Polo que, a finais de ano ou a principios do 2025, o Concello de Ferrol contará cos dous documentos e o seguinte paso será a licitación das obras para que poidan comezar o próximo ano. “Preto de 290.000 euros para a redacción dun proxecto que superará os 15 millóns de euros e que se poderá levar a cabo grazas ao compromiso firmado co presidente da Xunta de Galicia hai preto dun ano”, recordou.