Organízanse xuntanzas para adaptarse ás persoas interesadas en participar en “Aloumiños”
O proxecto “Aloumiños” é unha iniciativa promovida polo SERGAS e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. Preténdese poñer en marcha en varios concellos do rural galego, entre eles San Sadurniño, con financiamento do Ministerio de Sanidade. A idea é promover as relacións sociais entre as persoas maiores como xeito de estreitar vínculos, reforzar a comunidade, combater a soidade e contribuír á mellora da saúde física e mental.
Para dar visibilidade ao programa organizáronse varios encontros, con café e biscoito, que se desenvolverán en Naraío, Santa Mariña e Lamas na última semana de setembro.
O labor de dinamización social que pretende levar a cabo “Aloumiños” desenvolverase organizando distintas actividades conducidas por unha educadora social, con axuda das persoas participantes. Non obstante, é preciso coñecer antes as necesidades e condicións das persoas interesadas no programa. Por iso o Concello convoca varias xuntanzas con merenda. A primeira terá lugar en Naraío o martes 24 de setembro. A segunda, en Santa Mariña do Monte o mércores 25 e a derradeira en Lamas o xoves 26 de setembro. Todas as reunións serán ás 17:00 h.
Para acudir ás reunións, nas que haberá xente do proxecto e do Concello, non fai falla inscrición, só acudir na data, lugar e hora. Nelas explicarase con máis detalle o que se pretende e escoitaranse as propostas da veciñanza. A finalidade é que “Aloumiños” se axeite ás necesidades e preferencias da veciñanza de maior idade.