O Goberno local de San Sadurniño levará ao pleno ordinario do 31 de xullo un proxecto para a mellora de tres pistas nas parroquias de Santa Mariña do Monte e Ferreira. O orzamento total da intervención ascende a 34.550,59 euros, con cargo ao segundo programa adicional do POS+. Inclúe cinco actuacións na Castiñeira, na Esperanza, nas Filgueiras e en Santiso. Estas suporán ampliar en 1,2 quilómetros os arranxos en pistas municipais xa previstos para este ano.
Unha vez superado o trámite plenario, o Concello licitará o proxecto de inmediato para que estea completado en outono, xa que contará cun prazo máximo de execución de 4 meses.
O proxecto responde á necesidade de renovar o firme de tres camiños en cinco puntos que presentan un desgaste importante debido ao uso e ao paso do tempo. Ditas pistas son esenciais para a conexión entre lugares e o acceso a parcelas agrícolas e forestais.
Así, na parroquia de Santa Mariña do Monte melloraranse dous tramos do camiño da Castiñeira, cun total de 510 metros, e un segmento de 200 metros da pista que discorre polo lugar da Esperanza. En Ferreira, as actuacións centraranse en dous tramos danados da pista desde a Leiriña ata Moeche, entre os desvíos de Santiso e Lapas de Abaixo, de 325 metros de lonxitude; e o que vai desde o cruzamento das Filgueiras ata o límite co concello veciño, de 210 metros. Tanto os de Ferreira como os de Santa Mariña teñen un ancho medio de entre 3,5 e 3,75 metros, ampliado en puntos como cruzamentos e accesos.
As obras comezarán cunha limpeza e perfilado das cunetas e logo repararanse os danos existentes mediante a aplicación de grava compactada intercalada con tratamentos asfálticos. Nalgúns tramos deteriorados aplicarase un rego semiprofundo para garantir a regularidade da plataforma.
A fase final consistirá na extensión dunha nova capa de rodaxe con dobre tratamento superficial de emulsión bituminosa e saburra, reforzada cun terceiro rego nas zonas que o requiran. O proxecto tamén contempla actuacións complementarias como a reposición de accesos, desatoado de taxeas ou a mellora de sinalización.



