O alumnado traballador do obradoiro de emprego Inicia VIII está a executar actuacións de mellora nos espazos públicos do Concello de Fene. Entre os traballos realizados atópanse a fabricación e instalación de varias varandas metálicas en puntos estratéxicos de Perlío, Fene e no campo de fútbol de Perlío. O obxectivo é mellorar a seguridade peonil e accesibilidade.
As intervencións enmárcanse nas prácticas profesionais do obradoiro. Neste, 13 mozos e mozas en situación de desemprego están a recibir formación na especialidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial. Trátase dun perfil técnico con alta demanda no tecido industrial da comarca.
A concelleira de Formación e Emprego de Fene, Ángeles Coira, valorou moi positivamente os resultados acadados. “Este programa é unha ferramenta moi valiosa, porque combina a cualificación profesional cunha experiencia práctica que repercute directamente na mellora dos espazos públicos e na seguridade da veciñanza”. A edil tamén destacou “a capacidade do obradoiro para dar resposta ás necesidades do territorio e ás demandas reais do sector industrial, ofrecendo oportunidades de futuro a mozas e mozos que queren traballar e formarse sen marchar da comarca”.
As clases prácticas e teóricas impártense na nave municipal que o Concello de Fene ten en San Marcos, acondicionada como espazo de formación. O obradoiro Inicia VIII está promovido polos Concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos, e conta cun financiamento de 448.967 euros da Xunta de Galicia no marco do programa de Garantía Xuvenil, dirixido a persoas de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego.
O Concello de Fene aposta así por unha formación conectada co territorio, que contribúa á empregabilidade xuvenil e, ao tempo, á conservación e mellora dos espazos públicos.



