PUBLICIDADE

A Xunta inviste 3,43 millóns de euros no saneamento de Cabanas

PorBisbarra

Mércores, 16 Xullo 2025 , ,
A Xunta instalará 1.178 metros de novos colectores, ademais do tanque de retención e impulsión.A Xunta instalará 1.178 metros de novos colectores, ademais do tanque de retención e impulsión.

A Xunta de Galicia avanza na mellora da rede de saneamento de Cabanas e de toda a ría de Pontedeume, cun investimento de 3,43 millóns de euros. O obxectivo é dar servizo a unha poboación estimada de máis de 7.000 habitantes, co ano 2036 como horizonte.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández; visitaron as obras do tanque de retención e impulsión. Segundo a conselleira, a previsión é que esta última actuación estea rematada no verán de 2026. A fin é garantir un mellor servizo de saneamento á veciñanza da localidade, cuxa poboación chega a triplicarse nesta época do ano.

En concreto, esta actuación conta cun orzamento de 2,27 millóns de euros. Ademais do devandito tanque de retención, cunha capacidade de 1.200 m3, inclúe a construción de novos colectores de saneamento. Estes terán unha lonxitude aproximada de 132 metros. Asemade, habilitaranse novos tramos de tubaxes e impulsións, de 362 metros.

PUBLICIDADE
A Xunta inviste 2,7 millóns no tanque de retención e impulsión da rede de saneamento de Cabanas.
A Xunta inviste 2,7 millóns no tanque de retención e impulsión da rede de saneamento de Cabanas.

COMPROMISO DA XUNTA COA CALIDADE DA AUGA

Tal e como dixo Ángeles Vázquez, esta obra complementa á que está a piques de rematar. Trátase da execución dun novo colector interceptor cunha lonxitude total de 1.084,50 metros e de dous secundarios, de 69,49 e 24,19 metros, que conectarán co principal.

En total sumarán 1.178 metros de novos colectores. Tras un investimento de preto de 1,13 millóns de euros, solucionaranse as constantes infiltracións que sofre o actual colector debido á marea, xa que discorre ao longo do paseo da praia. Así mesmo, evitará os frecuentes alivios detectados, sobre todo na época de choivas.

Estas dúas actuación súmanse ás levadas a cabo con anterioridade no concello de Pontedeume, por un importe de preto de 3,7 millóns de euros. Con estas medidas solucionaranse as deficiencias detectadas na rede de saneamento da ría, como infiltracións de auga salgada ou puntos de vertedura.

COLABORACIÓN ENTRE XUNTA E CONCELLOS

Para concluír, Ángeles Vázquez salientou a colaboración técnica e económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos, competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración. Así, o ente autonómico contribúe a profesionalizar a xestión da auga. En consecuencia, garante o bo estado ecolóxico dos ríos e rías de Galicia e mellora a calidade duns servizos básicos para a cidadanía.

De feito, ese compromiso cos Gobernos locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano. Cun esforzo adicional para mellorar a xestión do ciclo integral da auga, Augas de Galicia conta cun orzamento global de 144 millóns de euros. Este investimento permitirá seguir optimizando o saneamento e o abastecemento municipais mediante a mellora das infraestruturas, da formación e da divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático no eido dos recursos hidráulicos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.