PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

San Sadurniño licita por 91.000 euros o aglomerado da pista dos Currás

PorBisbarra

Venres, 18 Outubro 2024 , ,
Cris García Rey, Araceli Bellas e Secundino García visitaron a pista en agosto. Imaxe: César GaldoCris García Rey, Araceli Bellas e Secundino García visitaron a pista en agosto. Imaxe: César Galdo

O Concello de San Sadurniño licita por 91.355,80 euros o proxecto de ancheado e reparación da pista que enlaza o Campo da Feira e a zona deportiva dos Currás. Esta actuación, que tamén inclúe o soterrado de canalizacións, será financiado con fondos provinciais. Así pois, o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas remata ás 23:59 h do próximo 24 de outubro.

A pista obxecto da actuación arranca ao pé da Capela do Belén e chega ata algo máis adiante da zona de estacionamento das instalacións dos Currás. Son 840 metros de lonxitude empregada diariamente polas veciñas e veciños dunha vintena de vivendas, ademais de moitas persoas usuarias do campo de fútbol e, no verán, da piscina municipal.

O uso intensivo deste acceso nos últimos anos acelerou a aparición de danos. Neste sentido, o alcalde, Secundino García Casa, explica que tamén se ancheará a vía para darlle maior seguridade.

PUBLICIDADE

Nos pregos técnicos que figuran na Plataforma de Contratación explícase que, en xeral, a pista presenta un bo estado estrutural e só en determinados puntos empeza a mostrar sinais evidentes de desgaste. Ademais tamén se apunta que ao longo do trazado é necesario igualar a planimetría, co obxectivo de darlle maior regularidade e un ancho uniforme.

Segundo explica o rexedor, o Goberno local decidiu preparar un proxecto de aglomerado, xa que as reparacións precisas non se solucionarían só con asfaltar.

DETALLE DAS OBRAS NA PISTA

A obra en proceso de licitación consistirá na limpeza inicial de toda a superficie do trazado e dos sedimentos acumulados nas gabias. Posteriormente, sanearanse as deficiencias e, por último, botarase unha nova capa a base de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor.

Así, a pista ganará 45 centímetros por cada lado, pasando de 3,5 a 4,4 metros. Ese sobreancho obrigará a soterrar parte da cuneta na zona máis elevada, para o que será preciso instalar novas tubaxes e rexistros. Ademais, tamén se prevé nivelar correctamente os puntos que dan acceso ás vivendas e fresar unha pequena parte do pavimento ao pé da capela, para que o enlace entre a pista e Marqués de Figueroa sexa imperceptible.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.