PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

San Sadurniño publica a oferta de emprego público de 2024 con sete prazas

Máis da metade dos postos da oferta de emprego público corresponden ao Servizo de Axuda no Fogar.Máis da metade dos postos da oferta de emprego público corresponden ao Servizo de Axuda no Fogar. Foto: César Galdo.

O Concello de San Sadurniño publicou a oferta de emprego público de 2024, con sete prazas en total. Máis en detalle, recolle dúas prazas de persoal administrativo, unha para o manexo de maquinaria e catro para o Servizo de Axuda no Fogar. Non obstante, o anuncio non significa que se vaian iniciar de inmediato os procesos selectivos, senón que marca o comezo do prazo de dous anos que terá o Concello de San Sadurniño como máximo para convocar a cobertura de cada un deses postos.

Así, figura unha praza de persoal funcionario do grupo C, subgrupo C1, para reforzar o departamento de administración municipal, ao que se adscriben funcións complexas e especializadas como tesouraría, secretaría, tramitación de expedientes de contratación ou rexistro. Neste caso a praza convocarase dentro da quenda libre. Neste sentido, farase un anuncio público nos boletíns oficiais e a ela poderá concorrer calquera persoa que cumpra os requisitos.

Na quenda libre tamén se incluíron catro prazas de auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar, outro dos departamentos prioritarios para o Goberno local. San Sadurniño é dos poucos Concellos que xestiona directamente a atención domiciliaria ás persoas dependentes. Nesta liña, o alcalde sadurniñés, Secundino García, explica que para planificar os recursos persoais a medio e longo prazo “temos que contar coas xubilacións previstas e coas necesidades dun servizo estratéxico que cada vez demandan máis persoas por causa da evolución demográfica do concello”. Así, xustifica que o Servizo de Axuda no Fogar cope máis da metade dos postos de emprego que ofertará o Concello.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Xunto coas cinco prazas que se convocarán en quenda libre, a oferta de emprego público tamén reflicte dúas que se cubrirán mediante promoción interna. Unha de persoal laboral administrativo para a área de Servizos Sociais, grupo C e subgrupo C1; e outra referida ás funcións do manexo da maquinaria municipal, encadrada como oficial no subgrupo C2.

Todos estes postos da oferta de emprego público de 2024, que xa figuraban no cadro do orzamento municipal deste ano, forman parte da Relación de Postos de Traballo do Concello de San Sadurniño, que acaba de ser modificada no seo da mesa xeral de negociación e ratificada polo pleno a finais de novembro.

O Concello conta na actualidade con 30 traballadoras e traballadores, 6 de funcionariado e 24 laborais. Tras a cobertura dos postos da OEP quedaría configurado cun cadro de 35 persoas. Porén, haberá que agardar a que as prazas se convoquen coa publicación dos correspondentes procesos selectivos. Aínda que a lei dá de marxe un prazo de dous anos, o Executivo local ten intención de que as convocatorias vaian adiante “con carácter inminente, xa en 2025“, asegura o rexedor, coa finalidade de que a incorporación do persoal aos distintos servizos non se demore máis do estritamente necesario.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.