Representantes de Cobre San Rafael reuníronse co presidente da Confederación de Empresarios de A Coruña (CEC), Antonio Fontenla, co obxectivo de presentar o Proxecto Cobre San Rafael e analizar posibles vías de colaboración que impulsen o desenvolvemento económico e social da provincia de A Coruña.
Antonio Fontenla, puxo en valor as cifras de inversión e emprego dun proxecto que xa foi declarado PIE e que pretende volver a producir cobre, un mineral de alto valor estratéxico, na histórica mina de Touro e O Pino. “A nosa provincia conta con gran potencial para unha explotación mineira sostible; son recursos endóxenos cuxo aproveitamento é imprescindible”, afirmou. Tamén subliñou a importancia destes proxectos para alimentar un ecosistema de empresas auxiliares nas zonas rurais en torno á actividade mineira.
Por parte de Cobre San Rafael, Pablo Núñez, responsable de relacións institucionais, subliñou que “desde o primeiro día, o noso obxectivo foi construír un proxecto que responda ás necesidades reais da comunidade. Mediante un diálogo constante con axentes sociais e económicos, recollemos achegas que enriqueceron o Proxecto Cobre San Rafael, garantindo que sexa beneficioso para todos”. Ademais, Celso Penche, senior advisore da compañía, engadiu que “esta iniciativa supón unha oportunidade para impulsar a colaboración entre sectores produtivos e avanzar cara ao progreso da comarca de Arzúa e de toda a provincia da Coruña”.
OPORTUNIDADE ESTRATÉXICA PARA A PROVINCIA
O Proxecto Cobre San Rafael converterase nun eixo transformador para a economía da provincia da Coruña, grazas á súa capacidade de dinamizar sectores industriais e de servizos. A posta en marcha do proxecto xerará unha demanda significativa de bens e servizos, abrindo novas posibilidades de negocio para as empresas locais e consolidando a súa competitividade no mercado grazas á colaboración cunha industria avanzada e sostible.