PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

San Sadurniño repara 8 km de vías co financiamento da Xunta

PorBisbarra

Venres, 20 Setembro 2024 , ,
O Concello de San Sadurniño reparou 8 km de vías grazas ao financiamento autonómico.O Concello de San Sadurniño reparou 8 km de vías grazas ao financiamento autonómico.

O Concello de San Sadurniño beneficiouse das convocatorias da Consellería de Medio Rural para a reparación de camiños de titularidade municipal e zonas de concentración parcelaria. Estas dúas liñas permitiron levar a cabo este ano proxectos por un valor próximo aos 250.000 euros. Estas actuacións, xa adxudicadas e case executadas na totalidade, suman máis de 8 quilómetros de pistas municipais. Máis en concreto, trátase de vía nas parroquias de San Sadurniño, Santa Mariña, Bardaos, Lamas e Igrexafeita.

O primeiro dos proxectos que se acolleu ás axudas para pistas onde xa se completase a concentración parcelaria agrupou eixos de Lamas, San Sadurniño e Bardaos. O de maior distancia, algo máis de 1,1 quilómetros, foi o asfaltado do trazado entre Ramil e o Chao de Lamas. Preto de alí, seguiuse coa nova pavimentación da pista de Prospes, de 966 metros. Dentro deste paquete entraron tamén outros 340 metros dun camiño na Bañoca, en Bardaos, aínda que neste caso se botou unha nova capa de saburra compactada. O importe total dos traballos ascendeu a 51.304 euros.

O segundo dos proxectos, no que se investiron 49.201,96 euros, ocupouse de mellorar a comunicación da Pardiñeira e o Carbeiral, cunha distancia de 507 metros. Así mesmo, reparouse unha pista de 541 metros no lugar da Sanguiñeira, ambas en Bardaos. Nas obras incluíuse tamén o enlace entre as Leiras e Vilela, en Lamas, sobre unha distancia de 1.049 metros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O terceiro grande proxecto viario acollido ás axudas autonómicas cofinanciadas polo FEADER dirixiuse a camiños das concentracións de Santa Mariña e San Sadurniño. Foron tamén tres: o eixo Calvelas, Corripa e a Lobeira, de 1,4 quilómetros; a pista de Vilachá, de 340 metros; e o camiño de Pontellas, de 354 metros. Neste caso o importe da obra ascendeu a 62.315 euros.

Os tres proxectos foron executados en agosto, supoñendo un investimento total de case 163.000 euros.

AGLOMERADO O CANDO-PENA DA MEDA

Ademais do programa para reparar pistas en zonas de concentración parcelaria, o Concello de San Sadurniño tamén se beneficiou do plan de camiños municipais da AGADER, financiado con achegas autonómicas, estatais e europeas.

A pista da Pena da Meda, na parroquia de Igrexafeita, San Sadurniño, foi reparada recentemente.
A pista da Pena da Meda, en Igrexafeita, foi reparada recentemente.

Neste caso, o investimento total ascende a 84.942 euros, destinado ao aglomerado do tramo que enlaza a Pena da Meda co lugar do Cando, en Igrexafeita. Así pois, asfaltouse unha distancia de 1.170 metros e unha pista adxacente que conecta co Couce.

O proxecto, finalizado recentemente, permitiu completar a pavimentación de todo o eixo que vai desde a antiga estrada das Pontes ata o lugar do Castro. A outra metade da pista, desde o Cando ata o Forgoselo, xa se reparara co mesmo tipo de firme en 2020.

Dentro desta contrata está previsto o asfaltado doutros 250 metros no núcleo da Curuxa e de 255 no lugar do Rupiallo, ambos en San Sadurniño. Porén, as obras de reparación deberán agardar a que antes se execute o soterrado das tubaxes de ampliación do abastecemento de auga aos lugares da Curuxa e Gunduriz, onde se investirán 34.000 euros do Fondo Ambiental.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, destacou que os proxectos executados nas últimas semanas “supoñen a mellora de 8,2 quilómetros da rede viaria de San Sadurniño, Igrexafeita, Santa Mariña, Lamas e Bardaos”. A maiores, o rexedor insistiu en que o Concello “garante o equilibrio territorial dos investimentos”. Neste sentido, dentro do POS+ provincial tamén están xa en marcha as obras en nove pistas que abranguerán outros 5,4 quilómetros de tramos municipais en Ferreira, Naraío, Igrexafeita, Santa Mariña e Bardaos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.