PUBLICIDADE

San Sadurniño reparará dous quilómetros de pistas co Plan Camiña Rural

PorBisbarra

Venres, 28 Febreiro 2025 , ,
O proxecto presentado por San Sadurniño conta cun orzamento de 104.333,09 euros.O proxecto presentado por San Sadurniño conta cun orzamento de 104.333,09 euros.

O Concello de San Sadurniño recibirá algo máis de 86.000 euros do Plan Camiña Rural, antigo Plan de camiños da AGADER. Este importe deberá destinarse a financiar a reparación de camiños que dean acceso a terreos ou explotacións agropecuarias.

Neste sentido, o Goberno local encargou un proxecto cifrado en 104.000 euros. Este inclúe a mellora con asfalto dunha pista na Pena, en Santa Mariña do Monte; e o aglomerado do eixo As Ramisqueiras-As Leiras-Vilela, no Camiño Arriba. Esta última vía municipal, de 1,2 quilómetros de trazado, incluíuse como previsión no Plan Complementario do POS+ provincial. Agora, adiantarase a súa execución a través deste programa autonómico, cofinanciado por Europa e o Estado.

DESCRICIÓN DO PROXECTO NAS PISTAS

As pistas que se van reparar cobren case dous quilómetros da rede viaria de San Sadurniño. A máis curta encóntrase no lugar da Pena, en Santa Mariña do Monte. Trátase dun camiño asfaltado de 505 metros de longo que conecta a estrada provincial DP-7603 co lugar de Vilachá, pasando por detrás do mesón Os Cazadores. No proxecto tamén se incluíu o camiño circular que dá servizo a dúas vivendas algo máis afastadas da pista principal, sumándolle á obra final outros 240 metros.

PUBLICIDADE

Dado que non é unha vía principal que soporte un tráfico intenso, os traballos correctivos consistirán nunha limpeza do firme e das cunetas, seguida do tapado de fochancas e a extensión dunha nova capa de rodaxe con regas asfálticas e saburra.

A segunda pista acollida ao Plan Camiña Rural une os lugares das Ramisqueiras, As Leiras e Vilela, no Camiño Arriba. Neste caso, tamén se comezará limpeza xeral da vía e das súas beiras para deixala nas mellores condicións posibles. Posteriormente, executarase un pavimento aglomerado de 5 centímetros de grosor e un ancho medio de 4,75 m, máis uniforme que o actual.

PROXECTO PENDENTE DE VALIDACIÓN

O Concello de San Sadurniño xa lle remitiu á AGADER a documentación relativa ao proxecto. Unha vez validada pola Xunta, someterase a licitación pública. Así, espérase que a obra quede lista xa nesta anualidade, aínda que o Plan Camiña Rural dea de marxe para executala ata o remate de 2026.

O contrato licitarase cun orzamento de 104.333,09 euros, impostos incluídos. O consistorio cubrirá este investimento cos 86.229 euros da axuda cofinanciada por Medio Rural, o Ministerio de Agricultura e os fondos europeos do FEADER. En canto aos custes do IVE, serán asumidos con fondos municipais.

O Plan Camiña Rural, antes chamado Plan de Camiños Municipais, é un programa dirixido exclusivamente aos concellos para que estes leven a cabo actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal que dean acceso en calquera punto do seu trazado a, polo menos, dúas parcelas agrícolas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.