O Concello de San Sadurniño investirá 28.571,43 euros na restauración do lavadoiro do Regueiro, en Ferreiro de abaixo. Sitúase á beira da estrada provincial DP-7601, ao pé do rego que divide os lugares da Senra e a Castiñeira, en Ferreira. É unha construción duns 6 metros de longo por 5,5 de ancho feita con ladrillo recebado e cuberta con fibrocemento, sostida sobre trabes de madeira.
Na súa pía central, onde se pode lavar por tres lados, aínda se conservan dúas grandes pezas de cantaría en toelo e no chan aínda hai varios pasos feitos con grandes lousas que permiten acceder sen mollar os pés.
O obxectivo principal do proxecto municipal é rehabilitar toda a construción conservando a estrutura, ao tempo que se mellora a súa integración na paisaxe, respectando os valores arquitectónicos e garantindo unha correcta integración no entorno. Así, aplicaranse criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia, en congruencia co Catálogo das paisaxes de Galicia, ademais de axustarse á normativa sectorial e urbanística aplicable.
Neste sentido, a memoria valorada explica que se retirarán as placas de fibrocemento para substituílas por unha nova cuberta de tella na parte superior e madeira na inferior, axeitándose aos materiais tradicionais da zona. Tamén se inclúe mellorar o chan do lavadoiro do Regueiro, evitando o seu asolagamento e facilitando a accesibilidade.

Segundo a memoria da intervención, proponse “unha mellora do lavadoiro acorde ás características da arquitectura tradicional, recuperando elementos orixinais como as lousas que forman as pedras de lavar e outras que puidesen aparecer durante os traballos, respectando a fonte existente”.
Para financiar o proxecto, o Concello de San Sadurniño solicitou acollerse á liña de axudas convocada a finais de 2024 polo Instituto de Estudos do Territorio co obxectivo de reducir o impacto paisaxístico de construcións vellas ou en mal estado de titularidade municipal. Así pois, espérase que a achega cubra o 70% do orzamento total.
Dende o Goberno local salientan que os lavadoiros foron noutro tempo elementos fundamentais para a vida diaria e espazos de encontro. Aínda que hoxe fican en desuso, son parte do patrimonio arquitectónico civil e deben ser conservados e postos en valor.
Neste sentido, o Concello de San Sadurniño procura ter en bo estado as 13 fontes e lavadoiros públicos que hai repartidos polo territorio. Así, cada certo tempo acomete rehabilitacións integrais, como ocorreu co lavadoiro da Agra de Arriba, o do Albeiro ou coa fonte do Santo, no Camiño Arriba.