O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, remitiu unha carta ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para esixir a incorporación urxente das persoas en lista de agarda no centro de día. Segundo o departamento municipal de Servizos Sociais, neste momento o servizo autonómico conta con 6 prazas libres. Esta cifra coincide co número de persoas agardando para poder acceder ao recurso. Así pois, o Concello solicita a tramitación das altas no menor tempo posible.
O alcalde lembra que esta demora afecta directamente a persoas en situación de dependencia e ás persoas coidadoras e familiares. “Solicitamos a resolución de alta que permita ás persoas de San Sadurniño en situación de agarda incorporarse coa máxima rapidez a un recurso que lles resulta moi necesario”, subliña o rexedor.
O Concello expresou a súa comprensión ante a existencia de listas de espera derivadas do funcionamento habitual dos centros de día. Porén, tamén advirte que neste caso a existencia de prazas baleiras fai “incomprensible” que non se lles dea unha resposta inmediata ás persoas que están esperando. “É unha situación que non se debe producir, especialmente se temos en conta as necesidades das persoas solicitantes”, conclúe García.



