O pestisco gañador do voto popular do Concurso de Tapas Concello de Fene, foi a elaboración da Cafetería Lembranza, ‘Mare Croccante’
O salón de plenos do Concello de Fene acolleu onte o acto de entrega dos premios do XV Concurso de Tapas que se desenvolveu do 4 ao 13 de abril e contou coa participación dun total de oito establecementos que optaron aos premios do voto popular, e aos do xurado profesional conformado por Mª Ángeles Coira, concelleira de Promoción Económica, Alberto Martínez da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, e José Manuel Loureiro, mestre de Cociña na Escola Icook.
O XV Concurso de Tapas Concello de Fene contou cunha excelente acollida entre o público consolidando a cita da cultura gastronómica como referente na dinamización da hostalería local. Así, durante o concurso de tapas recolléronse un total de 2.745 tarxetas de participación e completáronse un total de 199 Fenerrutas.
O acto de entrega dos premios desta nova edición do Concurso de Tapas de Fene estivo presidido polo alcalde Juventino Trigo e contou coa participación das concelleiras Mª Ángeles Coira, Sandra Permuy, Adán Chao, Mª Carmen Martínez e Alejandro Gutiérrez. O rexedor felicitou a todos os locais participantes “polo seu esforzo e creatividade, que dan vida ao noso tecido económico e contribúen a facer de Fene un destino atractivo tamén no eido gastronómico”.
Así, o xurado profesional otorgou o primeiro premio á tapa Samporiña elaborada polo Gastrobar Arrecendo que recibiu un diploma e unha cesta de produtos de Eroski Center. O petisco Tricolor con chips de guancile, de O Son da Cociña, conseguiu o segundo premio nesta categoría consistente nun diploma e nun batedor cortesía de Establecementos Aguilar.
Na categoría do voto popular, resultou gañadora desta XV edición do Concurso de Tapas, o petisco Mare Croccante, da Cafetería Lembranza, que recibiu un diploma acreditativo e unha cesta de produtos cortesía da Cooperativa Santa María do Val. O segundo premio foi para os Buñuelos de Cocido, da Cafetería Bombay, que recibiu un diploma e un batedor por cortesía de Establecimientos Aguilar.



