O Concello de San Sadurniño realizou o sorteo dos lotes de produto da campaña “Polo Nadal, consumo local” no salón de plenos. Esta campaña, organizada pola Área de Desenvolvemento local, tiña coma fin promocionar o comercio e os servizos de San Sadurniño. Un ano máis, volveu ser todo un éxito de participación, con 29 establecementos implicados que repartiron 177 talonarios de papeletas.
A iniciativa reparte dez premios, consistentes en sete lotes de produto valorados en 70 euros cada un e outros tres cun valor unitario de 140 euros. As persoas agrazadas recibirán as cestas este venres ás 14:30 h.
O concelleiro responsable da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou a alta participación que concitou este ano a campaña. “Este ano entraron na rifa 177 talonarios, 82 por compras inferiores a 10 euros e 95 distribuídos entre as compras de maior importe. Veñen sendo case 18.000 papeletas. A campaña funcionou moi ben, grazas sobre todo á implicación dos establecementos participantes”, detallou o edil.
“Os lotes de produto son cumpridos e levan un pouco de todo, pero sempre produto galego de calidade, incluídas algunhas especialidades locais como as que se producen na Fusquenlla“, explicou Varela. Neste sentido, a campaña non só promociona o comercio e os servizos de San Sadurniño, senón tamén “o potencial do noso rural, onde moitas pequenas empresas de lácteos, conservas, zumes, galletas, embutidos e outros sabores, están posicionándose no mercado cun produto diferenciado de alto valor engadido”.



