PUBLICIDADE

A Deputación da Coruña apoia á RAG na promoción da lingua e a difusión da cultura

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, esquerda, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, tras a sinatura do convenio de colaboración entre ambas entidadesO presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, esquerda, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, tras a sinatura do convenio de colaboración entre ambas entidades

A Deputación da Coruña concede, en virtude do acordo de colaboración asinado coa Real Academia Galega, unha subvención de 60.000 euros para o financiamento de diferentes actividades culturais

A Deputación da Coruña e a Real Academia Galega (RAG) asinaron onte un convenio de colaboración polo que a institución provincial concede unha subvención de 60.000 euros para o financiamento de diferentes actividades culturais. O acordo foi subscrito polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.

A achega provincial supón o 80% dun orzamento total de 75.000 euros e permite sufragar iniciativas orientadas á promoción do galego, a difusión da cultura e a preservación do patrimonio inmaterial, con especial atención á proxección exterior de Galicia e á divulgación entre a mocidade.

Un dos eixos centrais do convenio é a XXXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, unha iniciativa que a RAG organiza dende 1988 e que constitúe a principal acción de difusión internacional. Estes cursos, que se celebraron entre o 3 e o 24 de xullo do ano pasado, ofrecen formación lingüística en distintos niveis, xunto cunha visión plural da cultura galega a través de conferencias e actividades de coñecemento do territorio.

PUBLICIDADE

Ao longo destas máis de tres décadas participaron neles centos de estudantes e profesores universitarios de ducias de países dos cinco continentes, moitos dos cales continúan hoxe vinculados á docencia e á investigación en Galicia.

O acordo tamén inclúe a produción da serie documental Se canto é porque quero, creada con motivo das Letras Galegas, que estivo dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral. No ámbito divulgativo, o convenio dá continuidade ao proxecto Primavera das Letras, unha plataforma dixital da RAG dirixida á infancia, o profesorado e as familias que busca prolongar no tempo a celebración do Día das Letras Galegas.

Por último, o documento contempla a publicación de dous novos volumes da colección Terra Nomeada, dedicada ao estudo e divulgación da toponimia dos concellos galegos. Trátase das obras Toponimia do concello de Zas, da autoría de Xosé María Lema Suárez, e Toponimia do concello de Carnota, asinada por Alfonso Blanco Quintela.

Pola súa banda, o presidente da Real Aacademia Galega agredeceu o apoio da Deputación da Coruña “que fai posible levar adiante a promoción da nosa lingua e cultura entre colectivos tan estratéxicos como a infancia ou a mocidade e fomentar a súa proxección internacional”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.