Transmedia Comunicación foi distinguida co Premio á Comunicación Agrícola outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do Centro, un galardón que pon en valor a traxectoria da axencia na difusión de contidos especializados e de calidade no sector agrogandeiro.
Este galardón supón un importante respaldo ao traballo que Transmedia Comunicación vén desenvolvendo desde hai máis de 20 anos, con especial foco na transferencia de coñecemento técnico e a visibilización do sector primario.
A concesión do premio por parte dunha entidade profesional de referencia fóra do seu ámbito xeográfico habitual reforza, ademais, o alcance nacional dos seus proxectos. “Estamos moi agradecidos por este recoñecemento, que ademais chega desde fóra da nosa comunidade, o que lle outorga un valor engadido moi especial”, sinalan desde a axencia. “Para nós é especialmente significativo que o conceda un colexio profesional do ámbito agrícola, porque valida o rigor e a utilidade do noso traballo no terreo técnico”.
Entre as súas principais iniciativas destaca Vaca Pedresa, cabeceira de referencia no sector lácteo que se consolidou como un medio técnico de alta especialización. A través de reportaxes, entrevistas e contidos formativos, a publicación contribúe a achegar a innovación, a investigación e as boas prácticas aos profesionais do campo.
“Que se recoñeza, de xeito indirecto, un proxecto como Vaca Pedresa, de carácter eminentemente técnico, é unha gran satisfacción. Significa que o esforzo por ofrecer información rigorosa, útil e próxima ao sector está a ser valorado por quen mellor coñecen esta realidade”, engaden desde Transmedia Comunicación.


