PUBLICIDADE

Unha demostración de maquinaria no CFEA de Sergude exalza a práctica dos ciclos formativos agrarios

Este tipo de accións exemplifican a aposta por unha formación estreitamente vinculada á realidade laboral do sector primario e que, ademais, responde ás demandas actuais do mercado

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá, xunto co alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, en Boqueixón, nunha demostración de manexo de maquinaria. Alí, enxalzou a vertente eminentemente práctica e participativa que caracteriza os ciclos formativos da rama agraria impulsados dende a Consellería.

Esta xornada, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, vai dirixida aos estudantes de primeiro curso do grao medio en Produción Agropecuaria, coa fin de formalos na utilidade da maquinaria de precisión de última xeración con coñecementos que poderán aplicar a nivel profesional.

A través de iniciativas deste tipo, sinalou a conselleira, dende Medio Rural apóstase por unha formación estreitamente vinculada á realidade laboral do sector primario e que, ademais, responde ás demandas actuais do mercado. Estas accións favorecen de xeito directo a inserción laboral do alumnado, que en moitos ciclos acada o 100 %.

PUBLICIDADE

Seguindo esta liña, Gómez destacou que o obxectivo do Goberno autonómico é que a mocidade que curse os seus estudos nalgún dos seis CFEA que hai distribuídos pola comunidade saia ao mercado laboral plenamente capacitada. Por esta mesma razón, apóstase por sesións prácticas como a que se está a desenvolver hoxe en Sergude. Neste sentido, agradeceu o traballo das empresas que colaboran cos CFEA e que fan posible a celebración destas xornadas. 

A acción formativa incluíu un estudo do estado vexetativo das plantas da parcela mediante un dron multiespectral, con cámaras térmicas e análise do cultivo; ademais do ensilado de herba para o que se empregou un tractor autoguiado GPS. Para as nocións sobre empacado, utilizouse unha picadora, rotoempacadora e encintadora con cámara variable de alta densidade que permite obter pacas de distintos tamaños. A máquina emprega tamén encintado 3D para conseguir unha distribución homoxénea do plástico e conseguir así un selado perfecto para a conservación óptima. Por último, os bolos foron empillados mediante pala telescópica con pinza hidráulica multifunción.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.