PUBLICIDADE

O Concello de Melide impulsa o reparto dos seus doces tradicionais nos puntos de doazón para difundir a XXXIV Festa do Melindre

As accións comezarán o 29 de abril en Lugo e desenvolveranse tamén na Coruña, Santiago e Melide ata o 8 de maio, como antesala da cita dos días 9 e 10

O Concello de Melide colabora un ano máis coa Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue nunha campaña de difusión da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional a través do reparto dos seus doces tradicionais nos puntos de doazón de sangue.

A iniciativa arrancará o vindeiro 29 de abril en Lugo, en horario de 09:30 a 14:30 horas, e continuará o 30 de abril na Coruña, de 15:30 a 21:00 horas. Xa no mes de maio, a campaña chegará a Santiago de Compostela o día 6, tamén en horario de tarde (15:30 a 21:00 horas), e rematará en Melide o 8 de maio, cunha xornada completa.

Durante estes días, as persoas que se acheguen a doar sangue recibirán melindres e outros doces tradicionais da vila, nunha acción coa que o Concello reforza a proxección da XXXIV Festa do Melindre, que se celebrará os días 9 e 10 de maio na localidade.

PUBLICIDADE

Esta proposta súmase a outras iniciativas desenvolvidas ao longo do ano para difundir a festa, como foron a presentación do cartel en Madrid no marco de Fitur, a promoción realizada en Foz durante o Certame de Baristas, ou a presenza recente en Santurtzi. Ademais, repartíronse 20.000 manteis de papel promocionais da festa entre establecementos de hostalería e restauración.

A XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2013, rende homenaxe aos tres doces que identifican a tradición reposteira da vila (melindres, ricos e amendoados), elaborados nos fornos locais seguindo receitas transmitidas de xeración en xeración. A celebración naceu no ano 1991 por iniciativa do Concello co obxectivo de protexer e poñer en valor este saber facer.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.