A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o director de Aguas de Galicia, Roi Fernández; e o tenente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participaron esta mañá na presentación dos orzamentos previstos para o saneamento no rural. “Hoxe comprobamos como a Xunta de Galicia amosa, unha vez máis, o compromiso e a aposta por Ferrol; e faino como o fan as administracións serias e responsables, con inversións reflectidas nos orzamentos”, sinalou o tenente alcalde.
A Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol destinarán 13 millóns de euros para executar o Plan integrado para o saneamento e depuración da ría, co que se actuará para lograr un rural sostible. Máis en detalle, a administración autonómica achegará o 70% do custo e a local, o 30% restante.
O proxecto está dividido en dúas fases. A primeira, dotada de 6,7 millóns de euros no 2025; e a fase II, cun investimento de 2,6 millóns de euros no 2026.
Esta importante actuación permitirá ao Concello de Ferrol dar un servizo eficaz e sostible aos máis de 4.300 veciños do rural e estarase contribuíndo a mellorar a situación medioambiental da contorna.

Segundo explicou a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, actuarase para construír novos bombeos, así como na mellora das canalizacións existentes. Así mesmo, avanzou que Augas de Galicia asumirá de forma directa a explotación da Estación depuradora de Cabo Prioriño.
Máis concretamente, comezarase polo saneamento que discorre entre Doniños e A Cabana, melloraranse as redes da conca do río Sardiña, de San Xurxo e de Confurco e tamén se actuará no bombeo de Vila Igrexa en Esmelle, coa previsión de que as obras dos proxectos máis avanzados se poidan licitar no primeiro trimestre de 2025.
Ángeles Vázquez engadiu que é preciso facer investimentos en servizos no rural. Neste sentido, lembrou os 144 millóns de euros cos que disporá o organismo hidráulico Augas de Galicia o ano que vén, un 4,7% máis que en 2024.
Pola súa banda, o tenente alcalde agradeceu á conselleira a súa presenza en Ferrol “para ratificar este compromiso e por vir á nosa cidade para explicar este proxecto fundamental para o rural”. Neste sentido, o edil avanzou que nas próximas semanas o plan será presentado á Agrupación das asociacións de veciños do rural.
OUTROS PROXECTOS AUTONÓMICOS EN FERROL
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático avanzou que o próximo ano se impulsarán os primeiros pulmóns verdes urbanos no marco da Estratexia de infraestrutura verde de Galicia, aprobada hai uns días pola Xunta. Esta liña de acción contará cun orzamento de 3 millóns de euros para proxectos de restauración de alamedas, creación de parques ou corredores ecolóxicos.
Así mesmo, Vázquez anunciou que Ferrol será a primeira cidade galega que contará cun gran parque ou área recreativa concibido como espazo de ocio e lecer para as familias con animais de compañía.
Nesta liña, lembrou que o obxectivo do seu departamento é dotar dun parque destas características ás sete urbes galegas. Non obstante, o Concello de Ferrol foi o primeiro en confirmar o seu interese en dispoñer desta nova dotación. Neste sentido, o Goberno local terá que ceder os terreos para que a Xunta se encargue despois de acondicionalos e dotalos das infraestruturas públicas, de seguridade e de ocio necesarias para que cumpra co seu fin, como aneis de salto, ramplas ou circuítos caninos.