PUBLICIDADE

A Deputación de Ourense proxecta unha ponte peonil na área recreativa de Cachamuíña

Proxección da futura ponte peonil na área recreativa de Cachamuíña.

A Deputación de Ourense construirá unha nova pasarela peonil e habilitará un novo tramo do sendeiro no encoro de Cachamuíña. Con esta actuación mellorará a accesibilidade nesta zona verde e de esparexemento da cidade e da súa área metropolitana, eliminando as barreiras arquitectónicas. A execución do proxecto, xa adxudicado, comezará en próximas datas.

A nova pasarela substituirá á existente na actualidade, na cola do encoro de Cachamuíña, formando parte da ruta que rodea este espazo natural. A ponte actual presenta deficiencias por deterioro e, como consecuencia, ten elevados custos de mantemento.

Ademais, para facilitar a accesibilidade neste camiño natural con tránsito de peóns e bicicletas é preciso cumprir cunha serie de requisitos que resolverá o novo paso. Así, a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas convértese no motivo principal da nova construción.

PUBLICIDADE

Con este proxecto preténdese dotar ao espazo dunha solución que permita garantir unhas condicións de comodidade e seguridade óptimas para o usuario da ruta do encoro de Cachamuíña. Así mesmo, pretende a mellora do aspecto estético do lugar e diminuír o custe de mantemento que supón a pasarela actual.

ACCIÓNS COMPLEMENTARIAS EN CACHAMUÍÑA

A Deputación de Ourense, como entidade responsable da xestión deste espazo natural e recreativo, ten previstas outras accións complementarias en Cachamuíña. Entre estas, salienta a dotación de máis servizos coa construción duns baños públicos e un parque canino.

Nos últimos anos, a institución provincial executou outros proxectos para enriquecer esta área. Algúns exemplos son os parques infantil, de calistenia e biosaudable; o parque da Igualdade, un novo aparcadoiro e o espazo cedido pola Fundación CumLaude para engadir o ámbito artístico a esta gran área. A estas dotacións engádense outras actuacións de iniciativa privada, como as cabanas de uso turístico inauguradas hai tres anos ao carón do encoro.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.