PUBLICIDADE

A 62ª Feira do Viño do Ribeiro atrae a máis de 15.000 persoas a pesar do mal tempo

PorBisbarra

Martes, 6 Maio 2025
O recinto feiral ateigado de xente durante a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro en RibadaviaO recinto feiral ateigado de xente durante a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro en Ribadavia

A 62ª Feira do Viño do Ribeiro atraeu unha cifra de persoas semellante á da pasada edición, na que medra a participación de xente moza, a pesar das condicións metereolóxicas adversas

A 62ª Feira do Viño do Ribeiro, celebrada entre o xoves 1 e o domingo 4 de maio en Ribadavia, pechou as súas portas cun balance moi positivo. A pesar das condicións meteorolóxicas adversas, con choiva e treboadas nalgúns momentos, a Feira volveu atraer a máis de 15.000 visitantes, na que medrou a participación da xente moza, que supón unha cifra semellante á do pasado ano e que consolida o evento como unha cita imprescindible para os amantes do bo viño.

Dende a organización destacan non só a boa afluencia de público, pese as adversidades meteorolóxicas, senón tamén a mellora nas vendas con respecto á edición anterior da Feira do Viño do Ribeiro. Vendéronse máis botellas de viño e, sobre todo, constatouse o bo futuro que lle agarda ao viño do Ribeiro grazas á incorporación dun novo perfil de consumidores. “Cada vez máis xente nova aposta polo viño do Ribeiro, valorando a súa calidade por riba do prezo, e iso é unha excelente noticia para o sector”, indicaron dende a organización.

Neste sentido, manifestouse o alcalde de Ribadavia, César Fernández, quen destacou que “a Feira do Viño do Ribeiro volveu demostrar que Ribadavia é unha referencia imprescindible no calendario enoturístico de Galicia” e incidiu en que “é moi alentador ver como a xente nova se achega ao Ribeiro con entusiasmo. Este evento non só promove un produto único, senón que dinamiza a nosa vila e a comarca enteira e a nosa cultura”.

PUBLICIDADE
Unha das catas comentada durante a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro en Ribadavia
Unha das catas comentada durante a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro en Ribadavia

O 62ª Feira do Viño do Ribeiro contou ademais cun amplo programa de actividades paralelas como os showcookings, as rutas en bus do viño ou os espazos gastronómicos contribuíron a dinamizar o recinto e a ofrecer unha experiencia completa aos asistentes.

Durante os catro días que durou a Feira, organizáronse catro catas comentadas con expertos sumilleres, seis obradoiros de cocina con recoñecidos chefs nos que, por suposto, o protagonista era o viño do Ribeiro para as elaboracións ou maridaxes. Ademais, o IES O Ribeiro participou facendo unha presentación de balde e por medio do persoal docente do Grao Medio de Aceites de Oliva e Viños e do Grao Superior de Vitivinicultura.

Ademais, a música tamén tivo o seu protagonismo nesta 62ª Feira do Viño do Ribeiro , na inauguración coas actuacións da Banda A Lira de Ribadavia e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. O venres, a noite amenizouna o Grupo América fronte ao Castelo dos Condes, mesmo lugar no que, o sábado, sería a quenda de Claxxon para animar a festa na capital do Ribeiro. Xa na última xornada, o domingo, foron Airiños de A Arnoia quenes protagonizaron o pasarrúas acompañando a Don Pedro e Dona Ana dende a rúa Progreso ata o palco do recinto feiral, no que actuaron posteriormente.

Unha 62ª Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia que volveu a ser un éxito tamén grazas á axuda e traballo imprescindible dos arredor de 30 persoas voluntarias que participaron e que se uniron ao traballo feito por protección civil, policía local e demais entidades que velaron porque toda a Feira se desenvolvese, como así foi, segundo o previsto.

Con este balance, a Feira do Viño do Ribeiro reafirma o seu papel como escaparate esencial para a promoción dun dos viños con máis tradición de Galicia, e como motor de dinamización económica, turística e cultural para Ribadavia mais tamén para a súa comarca.

A participación da xente moza na Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia medra en cada nova edición
A participación da xente moza na Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia medra en cada nova edición
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.