A Casa da Cultura do Concello do Carballiño vén de renovar integramente a súa iluminación do salón de actos e de instalar un novo proxector de alta luminosidade e tecnoloxía láser, informou a concelleira de Educación, Lorena Castro, onte xoves. A intervención tamén incluíu a substitución do cableado de sinal de vídeo, adaptándoo ás novas tecnoloxías e necesidades dos actuais sistemas de emisión de imaxes.
Lorena Castro puxo en valor a actuación levada a cabo, necesaria para actualizar o salón de actos, moi utilizado para congresos, conferencias e mesmo actuacións. “Seguimos traballando na mellora da Casa da Cultura para que sexa un espazo moderno, cómodo e agradable para a nosa veciñanza”, comentou a edila, que adiantou que nas próximas semanas levaranse a cabo novas intervencións no edificio.
A renovación das luminarias do auditorio incluíu a substitución das antigas luces de cuarzo lodo do teito por unhas novas con tecnoloxía LED, que permiten unha cobertura uniforme de luz. Pola súa banda, o novo proxector instalado na sala conta cunha alta luminosidade e tecnoloxía láser, o que supón un importante salto de calidade e uniformidade na proxección. De feito, o sistema permite incluso a exhibición de películas.
Esta intervención súmase ás realizadas pola área de Educación na Casa da Cultura nas últimas semanas para poñer en valor o edificio, tales como a renovación do mobiliario na sala de estudo e na sala de préstamos ou o inicio do proceso de expurgo nos fondos da Biblioteca. “Non serán as últimas actuacións que fagamos este ano, seguimos traballando para mellorar este espazo tan importante na nosa vila”, concluíu Castro.




