PUBLICIDADE

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrece o seu concerto de Nadal en Verín

Acto de presentación do tradicional concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense que terá lugar en VerínActo de presentación do tradicional concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense que terá lugar en Verín

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá o vindeiro 27 de decembro, ás 18:30 horas, o seu tradicional concerto de Nadal no Santuario da Nosa Señora dos Remedios de Vilamaior do Val, en Verín, nunha cita moi especial que coincide co 40º aniversario da Escola Provincial de Gaitas e da propia Real Banda.

A presentación deste evento cultural correu a cargo do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, Leonerdo Lemos; o reitor do Santuario da Virxe dos Remedios de Vilamaior do Val, Óscar Martínez Caamaño; e o director da Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.

Nesta ocasión, ademais, o concerto de Nadal da Real será “o primeiro concerto” que teña lugar neste Santuario, segundo Óscar Martínez, quen puxo en valor “a conxunción” deste evento neste espazo que conta “cunha importante obra como é o Retablo do Nacemento no que a figura do gaiteiro ten moita influencia.

PUBLICIDADE

Baixo a dirección de Xosé Lois Foxo, o concerto servirá tamén como homenaxe a Ricarda e Julio Domínguez Pérez , “por ser transmisoras da cultura do Nadal”, dixo Foxo, e incluirá a presentación da Marcha Procesional da Nosa Señora dos Remedios de Vilamaior do Val, unha composición de fondo arraigamento local.

Durante a presentación, o director da Real Banda de Gaitas fíxolle entrega ao bispo de Ourense a partitura desta obra creada para esta ocasión, que permitirá que este Santuario conte coa súa propia marcha procesional, para que pase a formar parte do arquivo de música da Catedral, “unha pequena achega á cultura do Nadal”, dixo Foxo.

Programa do concerto da Real Banda de Gaitas da Deputación

O programa contará coa participación de destacados colaboradores, entre eles Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, Nadia Vázquez, o grupo de violíns Tatiana Kostomarova, a Coral de Verín, as Cantoras de Reis de Florderrei e Flor da Xesta de Verín, ademais da colaboración da Delegación Episcopal para a Vida Consagrada e do Concello de Verín.

A actuación estrutúrase en varias partes que combinan música tradicional, cantos de Nadal, pezas emblemáticas do repertorio galego e fragmentos da Écloga Operística Pastora da Serra Sola, pechando o concerto coa interpretación do Himno Galego e do Himno de Ourense.

O concerto poderá seguirse tamén en directo a través de streaming, mediante a canle de youtube da Deputación de Ourense, facilitando así o acceso á cidadanía de toda Galicia e do exterior. Con esta iniciativa, o ente provincial reafirma o seu compromiso coa preservación, difusión e posta en valor da música tradicional galega, apoiando unha formación que é referente internacional e símbolo da identidade cultural da provincia.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.