PUBLICIDADE

A Festa dos Botes de Arzúa homenaxea aos mozos que recuperaron a celebración en 1982

Presentación da 43ª Festa dos Botes do Concello de Arzúa que este ano homenaxea aos mozos que a recuperaron en 1982Presentación da 43ª Festa dos Botes do Concello de Arzúa que este ano homenaxea aos mozos que a recuperaron en 1982

A 43ª Festa dos Botes fai un recoñecemento a Jorge de Castro, Ramón Villanueva, Cesareo Bendaña, Jorge Rodríguez e Manuel Pimentel que foron quen de recuperar a festa tras a censura da ditadura franquista

A 43ª Festa dos Botes de Arzúa, organizada pola Asociación Xuventude Arzúa (XA), puxo en marcha, onte coa súa presentación, unha nova edición na que porá a ollada no ano 1982, homenaxeando aos cinco mozos que nese ano conseguiron recuperar a festa, despois de que fora censurada pola ditadura franquista.

Así, nesta nova edición faise un recoñecemento a “Jorge de Castro, Ramón Villanueva, Cesareo Bendaña, Jorge Rodríguez e Manuel Pimentel que recuperaron este legado da Festa dos Botes que leva 45 anos pasando de xeración en xeración, sempre da man da mocidade”, indicaron desde a organización. “Eles marcaron un antes e un despois na vila”, polo que este ano, en representación da Comisión de 1982, Jorge Castro será o encargado de dar o pregón, abrindo a festa o venres 7 de agosto e dando paso á procesión de Cutinocho que volverá percorrer as rúas de Arzúa

A 43ª Festa dos Botes, un amplo programa de actividades e moita música

A asociación XA explicou polo miúdo a ampla programación desta nova edición, na que, un ano máis, terá actividades lúdicas e culturais para todos os públicos. Estas darán comezo con Arte Urbana, na que se ofrece un espazo de creación á mocidade de Arzúa. Xa a última hora da tarde, a música encherá a Cima do Lugar cos concertos de ChiskeiroBratzantifa e Ünder e Diego Flâneur. Mais non será o único toque musical que haxa ao longo da xornada, posto que Os Amighos da Túa Prima, BB+ e Escola Latexo Percusión acompañarán as persoas participantes no Xogo da Moca

PUBLICIDADE

O día grande da Festa, o sábado 8 de agosto, abrirá por segundo ano consecutivo cunha sesión vermú da man de Señora DJ. Xa pola tarde, os Festicultores terán o obxectivo de ir animar a veciñanza para o Memorial Luís Veiga de Lanzamento de Pucheiros. Ademais, durante toda a tarde haberá actividades para as crianzas, así como un obradoiro para deseñar o teu propio bote. Co atardecer darán comezo os concertos de Familia Caamagno, Las Petunias, 9Louro, Mala Gestión, Galician Army, Banana Joe e Mahía.

Con esta programación da Festa dos Botes buscamos xerar un espazo de encontro interxeracional no que facer comunidade, promovendo a lingua e a cultura, mais sobre todo volver poñer o foco na importancia que ten a mocidade no rural do país” (Joaquín Saavedra, presidente da XA) 

O domingo 9 de agosto a festa trasladarase a Ribadiso, cun xantar de fraternidade, actividades infantís e festa da escuma. Como o toque musical non podía faltar, a sesión vermú e o tardeo estarán amenizados pola DJ local Pájara Boba. Así mesmo, durante toda a fin de semana Creativas Galegas exporán os seus produtos no Mercado de Artesanía da Festa dos Botes. 

“Esta 43 edición pretende ser a máis ambiciosa dos últimos anos, na que agardamos que tanto a veciñanza como os visitantes desfruten dunha fin de semana de festa, música e cultura”, sinalou o presidente da XA. Así, a asociación lembrou que toda a programación da Festa dos Botes é de balde, “estamos moi orgullosas de ser quen de traer unha programación tan completa e que, ao mesmo tempo, sexa accesíbel para a mocidade do rural”, destacou Saavedra. 

A Festa dos Botes xa ten aberto o Bote dos Botes, no que facer doazóns a través de Goteo, explicaron durante a presentación á que asistiron representantes institucionais do Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril; alcalde da vila; Lucía López, concelleira de Igualdade, e Daniel Moscoso, concelleiro de Mocidade. Tamén tomaron parte nela as deputadas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña, Sol Agra e Natividade González.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.