PUBLICIDADE
Asistentes á constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres o pasado sábado na igrexa de Santo Domingo de BonavalAsistentes á constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres o pasado sábado na igrexa de Santo Domingo de Bonaval

A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres foi constituída o pasado sábado coa sinatura da acta polos seus fundadores: o Parlamento de Galicia, a Xunta, o Concello e a Arquidiócese compostelás

A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres botou a andar, o pasado sábado na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, tras a sinatura da acta polos máximos representantes das institucións fundadoras: o Parlamento de Galicia, a Xunta, o Concello e a Arquidiócese compostelás: Miguel Santalices, Alfonso Rueda, a rexedora Goretti Sanmartín e monseñor Francisco José Prieto.

A fundación é unha entidade pública adscrita ao Parlamento de Galicia que xurdiu ao abeiro da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres que foi aprobada por unanimidade en xullo de 2023, tras a proposta canalizada polo Consello da Cultura Galega co obxectivo de dotar de seguridade xurídica ao Panteón, e na que participaron diferentes entidades da sociedade civil galega.

Durante o acto de constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, o presidente da Cámara autonómica, Miguel Santalices, celebrou a creación da fundación que supone “a consolidación dun símbolo de concordia que ve a luz grazas a un amplio acordo social e político”, e precisou que esta institución bota a andar convertida “na bandeira dun símbolo de identidade de Galicia e un lugar de referencia no devir da conciencia das novas xeracións”.

PUBLICIDADE

Pola súa banda, o presidente galego, Alfonso Rueda, apostou, tras a constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, por seguir avanzando “no camiño da cooperación e da lealdade institucional, construíndo esa Galicia de calidade que todos queremos e seguir traballando unidos no fundamental por encima das diferenzas”.

A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres ten que ser o instrumento idóneo para materializar a elevada resonsabilidade que se nos encomenda, apostando pola recuperación dun espazo de enorme carga simbólica que representa a todos os galegos e galegas” (Alfonso Rueda, presidente da Xunta)

A constitución desta Fundación chega 134 anos despois de que os restos de Rosalía de Castro ocupasen o primeiro dos mausoleos, ao que, aos poucos íanse sumar Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Daniel Castelao e Domingo Fontán, “indiscutibles nomes da cultura para un parnaso extraordinario, para quen soñou un país grande, construído cos mellores materiais, con obras, ideas, proxectos e ilusións como as que asinaron nas súas vidas”, asegurou a alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín.

“Como alcaldesa de Santiago agardo que esta Fundación sexa a ferramenta acaída para que o noso Panteón de Galegas e Galegos Ilustres deixe de ser un lugar pechado e agochado para se converter nun lugar aberto de entrada e saída, para que todo o que as persoas que están aquí soterradas nos deron continúe a ter futuro, a construír a nación que somos co futuro que queremos ter. Porque, como dicía Rosalía, “non pode acabar o que é eterno, nin pode ter fin a inmensidade”, incidiu Sanmartín.. 

Moseñor Francisco José Prieto, pola súa banda, subliñou que este acto de constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres “reflicte o consenso unánime do pobo galego” e mostrou o gran compromiso da Igrexa e da Arquidiócese compostelá en esta iniciativa que hoxe botou a andar.

Representantes do Parlamento galego, Xunta, Concello e Arquidiócese composteláns durante o acto de constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.