PUBLICIDADE

A Festa da Merenda de Aiazo en Frades cumpre a súa maioría de idade

A XVIII Festa da Merenda de Aiazo reuniu a milleiros de persoas nunha celebración que agromou como unha homenaxe e unha lembranza dos tempos de fame durante a posguerra

A Festa da Merenda de Aiazo, no Concello de Frades, celebrou o pasado 13 de abril a súa maioría de idade, reunindo milleiros de persoas na área recreativa Os Pasos, na que puideron gozar da merenda, desgustacións ou das actuacións musicais dunha celebración que agromou como unha homenaxe e unha lembraza dos tempos de fame durante a posguerra, a unha merenda a base de tortillas, e que na actualidade é unha festa de referencia na comarca para a mocidade.

A pesar das malas previsións meteorolóxicas, finalmente só choveu o sábado, pero foi tan leve que non afectou para nada a esta XVIII Festa da Merenda do Aiazo, nin ás áreas de aparcamento previstas pola Asociación de Veciños Os Pasos, organizadora da celebración en colaboración o Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, dentro do proxecto Nantronte.

Así, milleiros de persoas achegáronse á área recreativa da parroquia de Aiazo conforme ía avanzando a mañá e que culminaron coa sesión vermú do Grupo Unión y Fuerza e da Charanga BB+, nun campo da festa totalmente ateigado de xente bailando, comendo e degustando as merendas.

PUBLICIDADE

A gran novidade desta XVIII Festa da Merenda de Aiazo estivo nos fogóns, cun significativo incremento no número de cociñeiras e cociñeiros que serviron as merendas como xa é tradición, as cales tiveron unha base común conformada por ovos, auga e fariña, pero despois cada chef deulle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por acompañalas, ou non, de láminas de toiciño de porco.

Ademais das degustacións gratuítas na carpa, a organización da festa continuou un ano máis coas vendas de merendas para levar a casa en caixas de pizza, co logotipo da Festa da Merenda e que se vendían a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas.

Entre as novidades desta edición, houbo varios postos como un da Asociación de Veciños Os Pasos, na que podían mercar panos, vasos e camisetas para colaborar coa organización da festa; outro da Mancomunidade de Ordes, promovendo o xeodestino turístico Terras de Ordes; e un punto violeta contra a violencia de xénero. Ademais dos tradicionais inchables, xogos infantís, food-trucks, un photocall e un posto de xeados artesáns.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou a todas as persoas da asociación polo seu excelente traballo ao longo destes 18 anos que permitiron que “hoxe poidamos presumir en Frades de contar cunha das grandes citas gastronómicas, culturais e de lecer que se fan en Galicia, grazas a un produto tradicional e ao cariño co que o elaboran estas cociñeiras”.

O que comezou sendo unha festa nocturna dunha parroquia e dirixida a persoas de mediana e avanzada idade, converteuse nos últimos anos nunha festa de todo o día dirixida a distintos grupos de idade, especialmente á mocidade. De feito, os grupos de amigos chegados de distintos concellos da comarca e de fóra dela gozaron dunha xornada de lecer na área recreativa e da música da orquestra París de Noia, do Grupo Unión y Fuerza e da Charanga BB+.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.