O Campionato de Pesca, organizado pola Asociación de Troiteiros Río Furelos, tamén serviu para homenaxear aos fundadores co gallo dos 20 anos da sinatura da acta de constitución da entidade
O XXI Campionato de Pesca Río Furelos Terra de Melide, organizado pola Asociación de Troiteiros do Río Furelos, disputouse o pasado sábado 12 de abril, e contou cunha participación de 15 pescadores que a primeira hora da mañá (7:30 horas) reuníronse na Churrería O Burato, na que, despois do preceptivo chocolate con churros se procedeu ao sorteo dos tramos de río (700 metros, polos concellos de Melide e Toques) que ocuparía cada troiteiro.
O XXI Campionato de Pesca Río Furelos Terra de Melide comezou ás 8:30 horas. O bon facer dos experimentados troiteiros, procedentes de Melide, Toques, Sobrado, Friol, Arzúa, Curtis, Agolada, Lalín e A Estrada, e a colaboración do Furelos deu como resultado unha sorte moi repartida.
Xa a mañá avanzanda, rematou o Campionato de Pesca no lugar da Tosta coa concentración dos participantes ás 13:30 horas. Os nervos dos participantes e público foron mitigados cuns petiscos mentres a organización levaba a cabo o reconto e medición das capturas, antes da entrega de premios. Así, durante o campionato pescáronse un total de 47 troitas da medida.
Tras o reconto, Alejandro Rouco de Toques foi o vencedor cun total de 6 capturas, por diante de Manuel Emilio Pardo de Sobrado dos Monxes, segundo con 5 troitas, e do melidense Fernando Miguélez, terceiro, tamén con 5 capturas. O premio á mellor captura foi de Manuel Emilio Pardo cunha troita de 39 centímetros. Ademais, houbo dúas mencións especiais para o participante máis novo, Ángel Sánchez, e o recoñecemento á paciencia para Lucas Vázquez.
O Mesón A Ponte de Melide acolleu o acto de entrega de premios deste campionato de pesca, e na que participaron o vogal de deportes da Asociación de Troiteiros Río Furelos, Manuel Pardo, e a concelleira de Deportes e Cultura, Ana Mosteiro. Unha vez rematado o acto, no que tamén se agasallou a todos os participantes con material de pesca, o tesoureiro da asociación, Jesús Pampín, obsequiou á concelleira cun cadro da Ponte Vella de Furelos, en agradecemento polo seu apoio ao campionato.
A Asociación de Troiteiros Río Furelos tamén fixo coincidir o campionato de pesca coa realización dunha homenaxe aos asinantes da acta de constitución da entidade, hai 20 anos, o 3 de xuño de 2005, e aos membros da primeira directiva. Así, presentou a Mención Honorífica Carlos Lamas, e Xavier Pazo recibiu o cadro e o diploma en representación dos asinantes da acta fundacional.