A MIT de Ribadavia, que terá mañá a súa inauguración oficial, se desenvolverá ata o vindeiro 26 de xullo, e vén de confirmar a súa boa acollida coa venda anticipada de máis de 2.500 entradas
A MIT de Ribadavia converterá o concello a partir de hoxe no grande epicentro do teatro coa celebración da 41ª Mostra Internacional de Teatro, que comezará coa obra Memoria dun tempo da compañía Teatro do Vilar. A función iniciarase ás once da noite no Auditorio do Castelo, e o público asistirá a unha comedia musical de pouso amargo.
Xa mañá, venres 18 de xullo, a MIT de Ribadavia terá a súa inauguración oficial. A vila do Ribeiro acollerá durante dez días unha intensa programación que combina propostas vangardistas, espectáculos para todos os públicos, teatro físico, circo, danza e performance, con compañías e artistas procedentes de dentro e fóra de Galicia.
A expectación é máxima: xa se venderon máis de 2.500 entradas anticipadas, un dato que evidencia o arraigamento e o prestixio da MIT de Ribadavia, que cada verán transforma a vila nun gran escenario escénico ao aire libre e que mantén viva a súa aposta pola calidade, a innovación e a diversidade.
O venres 18 de xullo, a Mostra arranca oficialmente coa inauguración e entrega do Premio de Honra da MIT ao seu ex director, Roberto Pascual, nun acto que terá lugar na Igrexa da Madalena ás 20.00 horas. Xa ás once da noite será a quenda da representación da obra Grandissima Illusione de Cris Blanco, no Auditorio do Castelo.
A venda de entradas continúa aberta, tanto presencialmente na oficina da MIT como na billeteira do auditorio (de 10:00 a 14:00 h e de 18:00 a 20:30 h), así como en liña a través da plataforma ataquilla.com. A venda diaria abrirá cada noite a partir das 21:00 horas.
O Concello de Ribadavia convida a veciñanza e visitantes a gozar dunha mostra única que leva máis de corenta anos celebrando a cultura, facendo de Ribadavia un lugar de encontro para as artes escénicas contemporáneas e para o público que busca emoción, pensamento e diversidade creativa.



