As Festas de San Roque, do 14 ao 21 de agosto, veñen de presentar un completo programa que inclúe as actuacións musicais como as de Heredeiros da Crus, Melidaos, Panorama, Combo Dominicano, Olympus ou París de Noia
As Festas de San Roque regresan este mes de agosto a Melide cunha semana de celebracións por toda a vila, na que salientan novamente grandes eventos musicais e culturais dun cartel oficial das Festas de San Roque que foi presentado esta mañá na Casa do Concello.
As Festas de San Roque comezarán o xoves 14 de agosto. Xa pola mañá, ás 10:30 horas, terá lugar o disparo de bombas de palenque, actividade que se repetirá durante todas as mañás da semana de festas. Ás seis da tarde abriranse as atraccións e os postos da festa, e a continuación a Charanga Leña Verde ofrecerá un pasarrúas moi animado dende as oito, antes de ofrecer unha actuación no Cantón de San Roque ás 23:00 horas. No mesmo lugar, xa ás 00:30, actuará a Orquestra Panorama.
O venres 15 de agosto, maiores e pequenos poderán desfrutar xuntos da Ruta Familiar en Bici que partirá ás 10:30 horas dende o Cantón de San Roque. Esa noite, porán a música Mekánica Rolling Band (22:30 horas) e a orquestra El Combo Dominicano (00:30 horas), ambos tamén no Cantón de San Roque.
O sábado 16 de agosto, as rúas estarán ateigadas de música e bo ambiente dende primeira hora. Ás once da mañá, a Banda de Música de Visantoña levará a cabo un pasarrúas pola vila, á unha da tarde ofrecerá unha actuación na misa solemne da igrexa parroquial e, unha hora despois, un concerto na Praza do Convento. No mesmo espazo, ás 19:00 horas, o público poderá desfrutar do espectáculo de circo e acrobacias Távole, a cargo de Circo Chosco, e ás 21:30 horas, a Banda de Música de Visantoña ofrecerá un novo concerto.
Ás 23:00 horas dará comezo a actuación dos Melidaos no Centro Sociocultural Mingos de Pita, cun espectáculo único e especial no que estarán acompañados por grandes figuras da música tradicional galega. A medianoite, Melide vibrará coa actuación sempre enérxica e desenfadada dos veteranos Heredeiros da Crus. A noite péchase coa actuación da orquestra Los Coleguitas a partir da 1:30 horas.
O domingo 17 de agosto, o pasarrúas correrá a cargo de Froito Novo, a partir das 11:00 horas da mañá, actuando de novo na misa solemne contra a unha da tarde. Ás 14:00 horas, terá lugar unha comida campestre no inigualable marco da praia fluvial de Furelos, un dos espazos recreativos máis destacados do municipio.
Ás sete da tarde, a Coral Polifónica de Melide ofrecerá un concerto na Praza do Convento, seguido por un divertido pasarrúas da charanga Evaristo. Ás 22:30 horas, na mesma praza, a Banda de Música de Arzúa levará a cabo a súa actuación. Ás 23:00 horas, no Cantón de San Roque, actuará a charanga Evaristo, seguida ás 00:30 horas polo grupo Bomba.
O ritmo non decae na segunda semana de celebracións das Festas de San Roque 2025. O luns 18 de agosto, o pasarrúas da Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla percorrerá o centro da vila dende as once da mañá, antes de ofrecer un concerto na Praza do Convento ás 14:00 horas. No mesmo lugar, xa pola tarde (19:00 horas), Xampatito Pato ofrecerá o seu espectáculo de circo e marionetas Compaña. E, ás 22:00 horas, a Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla ofrece un novo concerto na praza do Convento.
Á noite, dupla sesión de orquestra. Ás once terá lugar a actuación de Los Satélites no Cantón de San Roque, seguida a partir das 00:30 horas por Origen.
O martes 19 de agosto, Herba Grileira protagonizará un pasarrúas a partir das 11:00 horas. Ás sete da tarde, Ollo Piollo ofrece o espectáculo Sons na Batea na Praza do Convento. Trátase dun concerto musical con animación, con pezas de ritmos variados baseadas en contos infantís. Ás 22:30 horas, a charanga Ardores actuará no Cantón de San Roque, antes da orquestra Olympus que fará o propio ás 00:30 horas.
O mércores 20 de agosto, as nenas e nenos da casa teñen unha cita ás 19:00 horas cos Bolechas para desfrutaren de O gran reto deportivo, un espectáculo de monicreques na Praza do Convento. E á noite, ás 22:30 horas, os Festicultores Troupe animarán a festa e porán o público a bailar no Cantón de San Roque, preparados para o concerto que ofrecerá posteriormente, ás 00:30 horas, a París de Noia.
O xoves 21 de agosto, as Festas de San Roque 2025 de Melide pecharanse coa tradicional celebración do Día do Neno. Xornada na que a cativada gozará de descontos nas atraccións da feira dende as cinco da tarde e, a partir das seis, poderán desfrutar de zumes e xeados de balde.
Un ano máis, o Concello de Melide parabeniza a comisión das Festas de San Roque polo seu traballo e convida a toda a veciñanza a desfrutar dunhas celebracións diversas e divertidas.



